A LIMIA

As infraccións penais baixan un 11% en 2015

_junta_xinzo_result
photo_camera Un momento da reunión que mantivo a Xunta Local de Seguridade Cidadá.

A Xunta de Seguridade Cidadá avaliou os resultados do ano pasado

O Concello de Xinzo de Limia acolleu unha reunión da Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o Tenente de Alcalde do Concello de Xinzo, Manuel López Casas, e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.

Previa aprobación da acta da Xunta de Seguridade do 6 de febreiro de 2015, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade que afecta aos concellos de Xinzo da Limia, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás e Vilar de Santos.

Os datos que reflicten as estatísticas amosan una tendencia á baixa tanto no cómputo de faltas como de delictos en 2015. A falta dos datos definitivos, que en breve fará público o Ministerio do Interior, constatouse un descenso do 11% no número de infraccións penais rexistradas no ano 2015 con respecto ao ano anterior.

Trala avaliación dos datos estadísticos, na reunión tamén se abordou o dispositivo de seguridade que se vai pór en marcha nas Festas do Entroido, que se concretou nunha planificación detallada de efectivos e medios, debidamente coordinados para que as actividades programadas dentro destas celebracións se desenvolvan con normalidade.

O subdelegado do Goberno, Roberto Castro, fixo unha especial mención "ó traballo das forzas e corpos de seguridade do Estado",  destacando especialmente a resolución de tres importantes operacións que se deron na comarca, como foi a operación 'Vitela', que acabou co problema do tráfico de gando que provocara perdas ós gandeiros por máis de 120 mil euros; a operación 'Patiño', relativa ó roubo de 18 mil euros nunha gasolineira de Xinzo, ou a máis recente que deu en dar co paradoiro en Oporto da xove Nicole Rodríguez.

Te puede interesar