CELEBRACIÓN

Inícianse os preparativos para a Festa do Esquecemento

A asociación responsable da festa abordou cuestións económicas e vencelladas aos seus estatutos e normas

A asociación encargada de levar adiante a Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia, Civitas Limicorum, mantivo o pasado venres, 27 de xaneiro, a primeira reunión do ano co obxectivo de comezar cos preparativos de cara á vindeira edición do evento.

Á asemblea asistiron os membros da xunta coordinadora, formada por seis persoas, socios e algúns dos voluntarios que traballan, de maneira desinteresada, na preparación da festa.

Entre outras cuestións, abordáronse temas económicos. Na actualidade, a asociación conta, para comezar cos preparativos da festa, cun orzamento sobrante da edición anterior de 4.300 euros. Dende Civitas Limicorum destacan especialmente a implicación dos locais e establecementos de Xinzo para levar a cabo este acontecemento, así como a participación do Concello de Xinzo e da Deputación de Ourense. 

A renovación dos estatutos existentes e a creación dunha normativa interna para a regulación do campo da festa, son dúas das prioridades que se marcaron nesta xuntanza para o presente ano.

No que respecta aos trámites administrativos vencellados ao Concello, a concesión da alameda do toural, lugar onde ten lugar o evento, xa está aprobada. Dende a asociación queren, ademais, solicitarlle ao Consistorio un espazo propio. 

A Festa do Esquecemento terá lugar a finais do mes de agosto.

Te puede interesar