XINZO

O PSOE de Xinzo solicita que o 24 de febreiro sexa o Día de Rosalía

A edil socialista destaca a importancia da iniciativa para "a difusión do coñecemento da súa obra entre galegas e galegos"

Entre as propostas que o principal grupo da oposición da capital da Limia levará ao vindeiro pleno ordinario, está a declaración do día 24 de febreiro como o Día de Rosalía de Castro en Xinzo. Nesta moción, o PSOE inclúe unha proposta para a realización de actividades de promoción da obra da escritora galega, que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas para facer unha lectura pública dos seus libros nun lugar emblemático, na que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan un papel protagonista.

 

 

A portavoz local da formación socialista, Elvira Lama, salientou "o papel clave que tivo a escritora no rexurdir das nosas letras" polo que, "a homenaxe é ben merecida". "Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da literatura galega e a súa obra Cantares Gallegos, o primeiro escrito íntegramente no noso idioma que sinala o inicio desta restauración", manifestou Lama, ao tempo que recorda que os escritos de Rosalía "son un fiel reflexo da sociedade galega".

A edil socialista destaca a importancia da iniciativa para "a difusión do coñecemento da súa obra entre galegas e galegos". Os socialistas recordan que na vila existe un centro educativo que leva o nome da escritora, e que é un motivo "máis que suficiente" para que a súa obra sexa fonte de inspiración.

Te puede interesar