O Viso celebra o seu encontro de familias anual en Lodoselo

O pasado fin de semana, o Centro de Desenvolvemento Rural de O Viso, en Sarreaus, celebrou o seu encontro anual educativo e festivo coas familias que participan ao longo do curso no programa de educación infantil familiar na comarca da Limia. Na cita participaron máis de 150 persoas, entre elas familias de Sandiás, Baltar, Vilar de Santos, Cualedro e Xinzo, ademais da Casa Niño Lodoselo, o punto de atención infantil de Sandiás e a Galiña Azul de Xinzo. 

“Compartimos unha fermosa tarde de encontros con moita xente coñecida, unha tarde de actividade, xogos, intercambios, reflexións e chea de experiencias, en boa compaña, rodeados tamén de animais e natureza”, contan dende O Viso, os que desfrutaron “dunha estampa que sempre nos marabilla: familias, xente de todas as idades, aprendendo xuntos”. 

O CDR O Viso incorporou, no ano 2015, este programa de Educación Infantil Familiar ó seu proxecto de desenvolvemento integral na comarca da Limia. É un servizo socioeducativo de apoio ás familias. “Consideramos que segue sendo unha necesidade contribuír á formación de nais e pais para axudar a desenvolver plenamente as capacidades dos seus fillos”, engaden dende o centro rural. Dende entón, unha vez ao ano, xúntanse todos os participantes para unha xornada de convivencia e aprendizaxe.

Te puede interesar