Xinzo Adiante califica o asfaltado de varias rúas como ‘lamentable'

As obras tiñan por obxecto asfaltar as rúas Río Sil, Camiño da Roda, a explanada do pavillón e máis o acceso a Gudes. 

O grupo municipal Xinzo Adiante denuncia o estado no que quedaron varias rúas da vila despois das obras de asfaltado ás que foron sometidas. Estes traballos foron adxudicados polo Concello a unha empresa por valor de 70.000 euros. As obras tiñan por obxecto asfaltar as rúas Río Sil, Camiño da Roda, a explanada do pavillón e máis o acceso a Gudes. 


O resultado, segundo este grupo da oposición municipal, é "lamentable" e considera que "nalgún caso aínda están peor ca antes", pois prodúcense derrapes constantes de coches e "unha puxeira insoportable para os viandantes".  Pon como exemplo a Rúa do Rio Sil, "que soporta un tráfico diario considerable e cuxos veciños e peóns se ven envoltos nunha nube de po contante por mor do estado no que quedou a vía".


Asegura Xinzo Adiante que algunhas  das rúas  implicadas son altamente transitadas polos veciños e co fin de solucionar esta situación, instan  ao  Goberno local a requerirlle á empresa adxudicataria que proceda a refacer correctamente as obras.Considera Xinzo Adiante que o ocurrido "é un exemplo" do estado de abandono que sufre o barrio do Polígono", no que faltan semáforos, pasos de peóns ou accesos ás beirarrúas para persoas con discapacidade, mentres que moitas rúas aínda teñen o asfalto que se lles botou cando as urbanizaron hai décadas.

Te puede interesar