DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Xinzo ultima os preparativos para o Día das Letras Galegas

Casares Xinzo_result
photo_camera Un grupo de xóvenes visitan a exposición que está instalada na Casa da Cultura.

Perfilou ca Xunta acto institucional do 17 e a vila acolle esta semana un amplo programa de actividades

Xinzo ultima os detalles para a acollida do acto central do Día das Letras Galegas que se desenvolverá entre o Salón de Plenos do Concello, a praza Carlos Casares e o Salón de Actos da Casa da Cultura o vindeiro 17 de maio. O alcalde da vila, Antonio Pérez e o edil de Cultura Luis Miguel Gil, mantiveron onte unha xuntanza con representantes do Gabinete da Presidencia da Xunta para rematar de perfilar as cuestións vencelladas ao acto protocolario.

No evento, que terá lugar na praza Carlos Casares, un alumno de cada centro educativo de Xinzo (o colexio Rosalía de Castro, o Carlos Casares, o instituto Lagoa de Antela e o Antioquía) lerá un fragmento dunha das obras de Carlos Casares antes de que dea comezo o acto institucional da Xunta de Galicia. Así se acordou nunha reunión mantida pola Concellería de Cultura cos directores dos catro centros que serán os encargados de decidir qué cativos (dous nenos e dúas nenas) participarán na lectura. 

Por outra banda, continúan a celebrarse na vila actividades conmemorativas da figura e da obra do escritor ourensán que pasou grande parte da súa infancia na Limia. Rememorando este feito a Casa da Cultura de Xinzo ven de inaugurar a exposición "Carlos Casares na Limia", que se poderá visitar na planta baixa do edificio ata o vindeiro 30 de xullo.  A mostra recolle 13 murais compostos de diversas imaxes nas que Casares aparece coa súa xente da comarca de A Limia. Trátase dunha oportunidade única para afondar na persoa máis aló do escritor, xa que Carlos Casares aparece retratado cos seus amigos na praza Maior de Xinzo, dispuntando partidos de fútbol, nun ambiente navideño ou nun entorno máis rural cos seus familiares. 

A colección de fotografías foi cedida para a súa exposición por Edelmiro Martínez Cerredelo e Xosé Antonio Carrera. 

Lectura continuada de “Vento ferido"

Dentro da programación do ano de Carlos Casares en Xinzo, a Concellería de Cultura organizará para este sábado, día 13 de maio, unha lectura continuada da obra literaria "Vento Ferido", xa que este ano se cumpren 50 anos dende a súa publicación. Todas as persoas que queiran participar na actividade, que terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura ás 18,30 horas, deberán inscribirse nas propias oficiñas do edificio ou enviando un correo electrónico ao email [email protected]. Por outra banda, o Casino Antelano, na rúa Dous de Maio, acollerá dende hoxe "As caras dos libros. O deseño de portadas na obra de Carlos Casares". Trátase dunha mostra de máis dun cento de portadas dos libros do escritor nas que se amosa a relación entre cada obra literaria e a súa representación gráfica.

Te puede interesar