OCIO

Xornada sobre o Entroido visto como patrimonio, rito e tradición

A actividade, considerada como o preámbulo do Entroido en Xinzo, arrancou pasadas as 19.00 horas.

O Museo Galego do Entroido acolleu onte, unha xornada de mesas redondas nas que se abordou a festividade como ben de interés e patrimonio cultural e, por outra banda, como rito e tradición.

A actividade, considerada como o preámbulo do Entroido en Xinzo, arrancou pasadas as 19.00 horas. Anxo Lorenzo, secretario de Cultura da Xunta de Galicia, foi o encargado de presentar o acto que tamén contou coa presenza do alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, e o concelleiro de Turismo, Carlos Gómez.

A primeira mesa redonda tratou as características propias do Entroido: a tradición, a integración, a representatividade e a comunidade que converten esta festividade en Ben de Interese Cultural e Patrimonio Cultural. Este primeiro acto tivo como poñentes a César Rodríguez, membro do Comité de Desenvolvemento do Ben de Interese Cultural das mascaradas cántabras; Antonio Pinelo Tiza, presidente da Academia Ibérica da Máscara e investigador do Entroido de Tras-os -Montes, e Fátima Braña, especialista en patrimonio e sociedade e colaboradora no Proxecto Ronsel. 

Ás 20.30 horas deu comezo a segunda das mesas redondas programadas para o evento. Nela abordouse o Entroido como rito e tradición e a importancia de preservalo como símbolo da identidade dos pobos. O escritor de varios libros sobre o Entroido Federico Cocho; Bernardo Calvo, investigador sobre as mascaradas de inverno de Castela e León, e Xerardo Dasairas, escritor e investigador dos Entroidos Galegos, foron os poñentes nesta ocasión. Ao remate houbo unha cata gastronómican.

Te puede interesar