O corpo, a linguaxe máis universal

20180427205643870_result
photo_camera A bailarina e coreógrafa ourensá Paula Quintas.

A bailarina, coreógrafa e historiadora da arte Paula Quintas presenta ás 20,30 horas no Auditorio municipal o seu espectáculo "Plastic"

Unha boneca Barbie, alá polo 2012, foi o xerme de "Plastic", o espectáculo que esta tarde se estrea no Auditorio Municipal, ás 20,30 horas. 
Así o explica a ourensá Paula Quintas, bailarina, coreógrafa, historiadora da arte, alambrista circense e pedagoga. Este amplo bagaxe no mundo artístico  explica a súa influencia visual á hora de compoñer as pezas coreográficas.

"Empecei a fixarme na Barbie, como boneca pero tamén como icono universal. A partir da súa análise visual, reflexionei sobre o seu corpo, un contenedor totalmente baleiro", relata Quintas. Un recipiente sen vida e sen emocións, xusto o contrario que o das personas. "Nós estamos cheos de sentimentos, estamos cargados de cousas, pero non podemos expoñelas cara fóra, non se nos permite amosar os medos e as preocupacións", afirma a coreógrafa. Ás veces, a Barbie e o ser humano aproxímanse, razona a ourensá: "É que cando nos ensinamos a nós mesmos tamén aparecen puntos de vulnerabilidade".
Durante a peza, o solo máis longo que Quintas presentou nunca, o seu corpo convida á máxima expresión da carga emocional interna. "A proposta é unha progresión de estados.

A medida que pasan os minutos, o corpo vaise humanizando e van aflorando sentimentos de todo tipo", explica a bailarina. A súa presencia, solitaria, inundará o escenario do Auditorio municipal, ao que Quintas, como ourensá, ten moitas ganas de chegar. "Estou moi contenta de poder estar nese marabilloso auditorio, non hai mellor premio para min", comenta emocionada. 

"Plastic" é unha proposta distinta, sobre todo para o público que está acostumado á comicidade nos espectáculos desta bailarina. "Poderíase dicir que, por momentos, é un espectáculo dramático", afirma.

Á súa presentación de hoxe convida a todos os ourensáns, pero especialmente aos que nunca pensaron en consumir danza. É unha peza comprensible para todos, xa que  "ao final o corpo é a linguaxe máis universal que existe".
 

Te puede interesar