GALICIA

Trens, barcos e carrozas autopropulsadas para os Reis Magos

En Ourense, as carruaxes serán autopulsadas

Os Reis Magos percorrerán dacabalo, en barco, en tren e incluso en orixinais carrozas sen tracción externa, entre outros medios de transporte, as principais cidades galegas, acompañados en todas elas polo seu séquito de paxes e cargados como sempre con toneladas de caramelos e ilusión.

A Ferrol, a cidade do mar, os Reis Magos virán pola auga. Como xa é tradición, as súas maxestades de Oriente chegarán este luns en barco ao porto ferrolán de Curuxeiras, en lugar de empregar os camelos, e a cabalgata en si estará formada por sete carrozas con figuras de Frozen, Maléfica, un barco pirata e a máxica estrela.

Unha comitiva á que se sumarán un camión antigo de bombeiros, outro da Armada e o tren dos agasallos.

En Ourense, as carruaxes serán autopulsadas e, para ser fieis aos escritos, os monarcas serán eses sabios que representan un continente e unha idea, de xeito que Melchor simbolizará Europa e os seus ríos, Gaspar Asia e o aire, e Baltasar África e a terra.

Despois de desembarcar dos vagóns do ferrocarril, iniciarán unha viaxe pola "Atenas de Galicia" que simulará "o soño" dun neno e recollerán as peticións de todos, incluso a do alcalde, o socialista Agustín Fernández, quen anticipou hoxe os seus desexos, eses dos que deixa constancia nunha carta simbólica: un posto de traballo para todos aqueles que o necesitan e que se poida comezar o proxecto termal na zona das Burgas.

En Vigo, o fío condutor será o "mundo máxico", así como a creatividade, e son quince os vehículos que participan nun desfile que o rexedor, Abel Caballero (PSdeG), avanzou que será "a mellor cabalgata de reis de España e de Europa", con grupos de animación que inxectarán emoción a un percorrido en que participarán autobuses, coches antigos e cabalos.

Na Coruña, a temática estará baseada nos contos infantís e os seus personaxes, e a procesión, con trece carrozas, oito trens e seis compañías de animación, poderá ser seguida en directo a través dunha web, Cabalgata Smart, que ademais contará cun espazo para poder compartir os "selfies" que se realicen e que despois optarán a un concurso.

Lugo mostraralles aos pequenos os seus personaxes favoritos, nun traxecto que discorrerá entre o Parque da Milagrosa e a Praza Maior, e os Reis Magos, que repartirán 1.500 quilos de caramelos e dúas mil bolsas de lambetadas, prometen "numerosas sorpresas".

Máis de duascentas persoas e sete carrozas acompañarán a Melchor, Gaspar e Baltasar á súa chegada a Compostela, unha marcha que contará coa carroza da Estrela Real de Oriente, a do Carteiro Real cos seus paxes, a Carroza do inverno e a Carroza do Camiño da Ilusión.

Escuadróns de cabalos poranse á cabeza, e as Súas Maxestades, que repartirán "saúde e felicidade", serán recibidas polo rexedor, Agustín Hernández (PP), no Obradoiro.

O vindeiro 5 de xaneiro, as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente chegarán tamén a Vilagarcía de Arousa cargados de alegría, agasallos e ilusión.

Durante esta xornada tan especial, as Súas Maxestades estarán acompañados por grupos de música tradicional, bandas, asociacións e colexios, que axudarán os tres monarcas no seu labor.

Os Bolechas, seis irmáns e o seu can Chispa, estarán na Coruña, Ourense e Vigo.

As cabalgatas que percorrerán as rúas co reparto de xoguetes e miles de quilos de caramelos, así como a elaboración de doces que só se degustan nestas datas, destacan entre os actos e costumes da festividade dos Reis Magos nesta comunidade.

Te puede interesar
Más en Canle Dixital