Os transportistas dín que están en situación límite

Camións aparcados a espera de carga. (Foto: ARQUIVO)
O incremento do prezo do gasóleo (30% desde xaneiro de 2010) deixou o sector do transporte galego nunha situación 'insostible' e 'moi complicada', segundo admitiu o presidente da Federación Galega de Transportes (FGT), Alfonso Parga. De feito, nos últimos meses desapareceron en Galicia 517 empresas e 2.670 camións, mais o sector aínda continúa 'atomizado' e con máis camións (7.500) que carga de traballo existe.
Por onde pasa a solución? 'Esa é unha boa pregunta' respóndese Parga, quen, de entrada, considera que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ten que avalar aquelas empresas que sexan rendibles. 'As empresas hoxe en día non temos opción de acudir ao crédito, non temos liquidez e tampouco hai traballo', razoa Parga, quen ante esa situación é el mesmo quen se pregunta: 'Que facemos?'

Para ilustrar a situación, explica que, 'desde sempre', o sector do transporte realizou os cálculos do gasto das viaxes destinando un cuarto para o gasóleo. 'Agora -apunta- iso xa hai tempo que non vale e o combustible leva 50%'.

As tarifas en moitos casos non se respectan e así hai transportistas que realizan viaxes desde a costa de Lugo ao País Vasco, onde, unha vez descontando o gasto do combustible, apenas lles quedan 100 euros para o salario e o resto de gastos derivados da viaxe. Conclusión: 'así, é imposible'.

'A xente -remarca o dirixente sectorial- non pode continuar traballando con eses prezos. Se hai que facer regulacións haberá que ir a iso, mais hoxe hai que ser conscientes de que en moitos casos é mellor ter parado o camión que saír traballar'.

Te puede interesar