BNG pide traspaso de competencias para crear un sistema aeroportuario galego

O BNG da Coruña reclamou esta mañá de novo o traspaso á Comunidade Autónoma das competencias aeroportuarias para artellar un sistema aeroportuario integrado en Galicia que compita coa infraestrutura portuguesa do Porto.

'O futuro do aeroporto de Alvedro pasa pola creación dun sistema aeroportuario galego', afirmou o voceiro na Coruña, Xosé Manuel Carril, despois de que na xornada de onte fose anunciado o cesamento da conexión entre A Coruña e Sevilla e estean en interdito os enlaces con Amsterdam e París.

'Competir entre nós só beneficia o Sá Carneiro, que capta xa máis de 600.000 viaxeiros galegos debido á inexistencia dun sistema aeroportuario propio', insistiu Carril, quen censurou o 'sistema centralista actual'.

Na súa opinión, este modelo unipolar 'acentúa a condición periférica de Galicia e impide a viabilidade de Alvedro', ao obrigar a case 50 por cento dos voos con orixe ou destino nas terminais galegas a 'pasar por Madrid' cando en moitos casos 'non sería necesario'.

O voceiro nacionalista insistiu en que o futuro dos aeroportos galegos non pasa por outorgar axudas ás liñas aéreas, senón que é necesario planificar 'desde unha perspectiva integrada' que garanta conexións cos catro grandes aeroportos europeos (Londres, París, Amsterdam e Frankfurt) que permiten voos a todo o mundo.

Así mesmo, subliñou que o comité de rutas galego 'non é suficiente' e reclamou á Xunta que 'xogue un papel principal' no desenvolvemento do sistema aeroportuario galego.

Te puede interesar