Concellos Oza e Cesuras celebran no venres plenos para iniciar fusión

Os municipios de Oza dos Ríos e Cesuras, na Coruña, celebrarán no vindeiro venres cadanseu pleno para informar a oposición das conclusións do plan de viabilidade da fusión que elaborou a Deputación e dar o seu visto e prace a estes procesos, que deberán ser aprobados por unha maioría de 2/3.

Os alcaldes de ambos os municipios, José Pablo González Cacheiro e Julián Lucas Ramírez, deberán convencer a oposición, PSdeG e BNG, especialmente no caso de Cesuras, onde é imprescindíbel o apoio de polo menos un grupo para que a unión prospere.

O grupo municipal do BNG, con tres edís no Concello, xa avanzou que non apoiará o plan de fusión, un proceso que acusou de 'escuro' e 'déspota'.

No caso de Oza dos Ríos, o PP, que goberna en ambos os concellos, podería aprobar esta moción en solitario.

Non obstante, no caso de que a oposición tombase o proxecto en Cesuras tanto a Deputación da Coruña como a Xunta terían competencias para impor a fusión.

Despois da aprobación da moción nos dous concellos, o proceso será sometido a trinta días de información pública para a presentación de alegacións, e trinta días despois deberá ser ratificado de novo por 2/3 de ambas as corporacións.

A partir dese momento o expediente será remitido á Consellería de Presidencia que iniciará os trámites, entre os que se inclúen os informes preceptivos da Deputación, o Consello Consultivo e a Comisión Galega de Delimitación Territorial, antes de que o proceso conclúa coa súa aprobación polo Consello da Xunta.

O obxectivo dos dous rexedores é que os trámites municipais estean concluídos antes do verán, o que posibilitaría axilizar a fusión coa vista posta nos últimos meses do ano.

O Concello resultante, cuxo nome non está aínda decidido aínda que conservará a 'identidade' de ambos os municipios, contará cunha poboación de case 5.500 habitantes e unha extensión duns 152 quilómetros cadrados.

Este aumento de poboación permitirá ao novo concello subir de categoría o que suporá unha maior achega de fondos por parte do Goberno central -ao que haberá que sumar as axudas que recibirá por parte da Deputación- e permitirá prestar novos e mellores servizos aos veciños.

De feito, no pasado venres o PP celebrou un acto en que anunciou varios investimentos supeditados a esa unión.

O de Oza dos Ríos e Cesuras sería o primeiro proceso de fusión de municipios en Galicia en máis de 40 anos.

En caso de saír adiante a fusión, unha comisión xestora composta por un número equivalente ao da corporación resultante dirixiría o futuro municipio até as próximas eleccións municipais.

Te puede interesar