Dous encapuchados asaltan a man armada un supermercado no centro de Vigo

Dous homes encapuchados e armados con cadansúa pistola asaltaron na primeira hora da mañá un supermercado da cadea Familia na rúa Bolivia, no centro de Vigo, e levaron o diñeiro da caixa forte, informou a Policía Nacional.
O suceso produciuse sobre as 9.15 horas cando os dous individuos se introduciron no estabelecemento aproveitando que a porta de acceso estaba aberta á espera de descargar a mercadoría, segundo relatou aos xornalistas o encargado do supermercado.

A punta de pistola, os atracadores obrigaron as catro empregadas que nese momento estaban no supermercado a que os conducisen á caixa forte e, despois de coller o diñeiro, que podería aproximarse aos 6.000 euros, encerráronas nas oficinas.

Foi o repartidor da mercadoría o que, pouco máis tarde, deu a voz de alarma cando chegou ao supermercado e o encontrou baleiro.

Só cando escoitou uns ruídos que procedían da oficina, onde atopou as empregadas, decatouse do que acontecera, segundo explicou o encargado.

Unha moza que habitualmente adoita pedir esmola nos exteriores do supermercado da rúa Bolivia, ao que chegou pouco despois de se producir o asalto, indicou aos xornalistas que dúas das empregadas coas que puido falar, porque saíron fumar un cigarro, estaban moi asustadas e nerviosas despois do asalto.

A Policía estabeleceu un dispositivo para a localización e detención dos dous asaltadores, que lograron fuxir do lugar dos feitos sen seren vistos por ningunha testemuña.

Te puede interesar