Familiares e traballadores afectados concéntranse ante o asilo de Pontevedra para protestar contra o seu peche

A corporación municipal mostra o seu apoio coa presenza de varios concelleiros

Un grupo de familiares e traballadores afectados concentrouse este luns ante o asilo de Pontevedra para protestar pola decisión das Hermanitas de los Ancianos Desamparados de pechar este centro xeriátrico con 120 anos de historia. Tras a mobilización celebrouse unha asemblea informativa dentro do asilo.

A corporación municipal mostrou o seu apoio aos afectados coa presenza de varios concelleiros dos tres partidos -BNG, PP e PSOE-. Ante a porta principal do asilo, algúns dos concentrados acusaban as monxas de 'ocultar a verdadeira razón do peche irrevogable do establecemento'.

Inicialmente, nunha tensa reunión mantida cos familiares dos internos, o avogado contratado por esta comunidade relixiosa, Jaime Fernández Martos, aludiu a unha 'profunda reforma' que esixiría a Xunta para manter abertas as instalacións. Non obstante, a Superiora Xeral da Congregación, María Purificación Castro Negro, rexeitou este motivo nunha visita que fixo esta fin de semana a Pontevedra dende a casa generalicia situada en Valencia.

Segundo a Superiora a razón estaría na 'falta de vocación'. Non obstante, as protestas durante a mobilización de hoxe apuntaban á especulación urbanística.

A este respecto, o voceiro do goberno local, Raimundo González, informou que o edificio do asilo e os terreos que ocupar son de 'titularidad privada pero constan no Plan Xeral como un equipamento socio-asistencial e polo tanto só terían cabida equipamentos de carácter privado, non vivendas'. O edil engadiu que 'o edificio non teñen ningún tipo de catalogación que protexa ao vello inmoble'.

Pola súa banda, a concelleira responsable de Asuntos Sociais, Carme Fouces, asegurou crer á Xunta de Galicia 'cando di que non lle puxo impedimentos para seguir desempeñando o seu traballo'. A concelleira referiuse a este feito como un 'drama'.


TRASLADO DE ANCIÁNS

Mentres tanto, a Congregación Relixiosa que rexenta o Asilo pontevedrés dende hai 120 anos comezou a trasladar algúns dos seus 160 residentes a outros establecementos da orde que dispón na provincia, en Cambados, Caldas de Reis ou Tui.

Pero, debido ao grande número de internos que viven neste xeriátrico, as monxas supoñen que será necesario derivar a moitos deles a outros centros de fóra. Se non fosen suficientes os 16 que ten en Galicia, a orde conta con 210 casas, onde son acollidos uns 26.000 anciáns -15.300 en España e 10.000 nos restantes países segundo os datos ofrecidos pola propia congregación-.


SEGUIMENTO XUNTA

A Administración autonómica está a facer un seguimento do peche da residencia e este mesmo luns técnicos de Inspección da Xunta de Galicia se volveron reunir coa dirección do centro para coñecer de primeira man como se están a facer os traslados dos seus 160 usuarios.

Neste sentido, a congregación relixiosa Hermanitas de los Ancianos Desamparados informou que este luns concluirá o traslado de 58 persoas maiores e que nos próximos días recolocarán ao redor de 50 persoas máis.

A Consellería de Traballo e Benestar está en conversacións permanentes coa dirección do centro para garantir que esta residencia da terceira idade permaneza aberta ata que se poida completar o traslado de todos e cada un dos usuarios.

Te puede interesar