Miles de persoas enchen a Praza do Obradoiro en defensa do galego

Ambiente na manifestación, diante da Catedral. (LAVANDEIRA JR)
photo_camera Ambiente na manifestación, diante da Catedral. (LAVANDEIRA JR)
Múltiples colectivos sociais, sindicais e políticos secundaron esta protesta celebrada desde as 12,00 horas no centro neurálxico do centro histórico compostelán

Miles de persoas abarrotaron a Praza do Obradoiro de Santiago neste luns 17 de maio, Día das Letras Galegas, durante o transcurso dun acto convocado pola plataforma Queremos Galego para reivindicar o uso do idioma propio fronte ás políticas lingüísticas da Xunta.

Múltiples colectivos sociais, sindicais e políticos secundaron esta protesta celebrada desde as 12,00 horas no centro neurálxico do centro histórico compostelán, onde soaron con forza as xa habituais consignas: "En Galicia, en galego!".

Esta mobilización, habitual do 17 de maio, configurouse como a cara oposta aos actos institucionais do Día das Letras Galegas organizados pola Real Academia Galega (RAG) e coa participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que este ano se centralizaron en Vigo por ser a cidade onde desenvolveu gran parte da súa vida Xela Arias, poeta á que se dedica a festividade neste 2021.

Este evento de Queremos Galego, de marcado carácter festivo e reivindicativo, estivo conducido pola actriz Isabel Risco e contou coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, entre outros cargos de ambas as formacións políticas.

"Desconfinar" o galego

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu á Xunta que acabe coas súas "políticas lingüicidas" para así poder "abrir unha nova etapa" na que se " desconfine" o idioma galego.

Así se pronunciou a líder nacionalista en declaracións aos medios antes de participar no acto convocado pola plataforma Queremos  Galego. "Estamos aquí miles de persoas para reivindicar o orgullo de ter unha lingua propia, sendo conscientes de que o futuro do galego é tamén o futuro dunha Galicia máis forte", asegurou.

Por iso, Ana Pontón chamou a "seguir traballando para que o galego gañe espazos" e "normalidade", porque iso "é sinónimo de vitalidade para o país".

Mentres, o secretario  xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou á Xunta que articule políticas de "discriminación positiva" non só para a lingua galega #ante a perda de falantes, senón tamén para o sector cultural tras o golpe da crise  covid.

Te puede interesar