Piden plan especial para A Mariña por problemas das súas principais empresas

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, esixiulle á Xunta que poña en marcha 'un plan de emprego' para a costa lucense, que 'ofreza alternativas á situación que está vivindo' esta zona a causa dos graves problemas que atravesan catro das súas principais empresas.

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, Veiga referiuse expresamente ás dificultades que atravesan empresas como ECAR, Mobles Hermida, Construcións Mon ou a cerámica Sargadelos, cuxos problemas financeiros porán na rúa centos de persoas.

En todo caso, Antonio Veiga deixou claro que 'as olladas se centran neses catro centros de traballo', pero realmente 'non son máis que a punta do iceberg' do problema que en materia de emprego está afrontando esta bisbarra lucense, onde o desemprego aumentou en máis dun 40% desde 2009.

Con independencia da situación que están atravesando 'centos de autónomos e pemes', as dificultades das empresas mencionadas provocaron xa, segundo Veiga, a desaparición en poucas semanas duns '200 empregos' directos, así como unha importante redución nos salarios dun 'gran número' de traballadores na planta de Sargadelos, en Cervo.

Na mesma liña, o vicepresidente da Deputación esixiu 'compromisos claros por parte da Xunta de Galicia co emprego na Mariña', porque a bisbarra que se encontra 'nunha situación límite que non ten marcha atrás' e vai camiño do 'monocultivo empresarial'.

Te puede interesar