A Xunta Electoral desestima a denuncia do PP contra ministro de Fomento

A Xunta Electoral de Zona decidiu non sancionar o ministro de Fomento, José Blanco, pola súa visita o pasado 31 de outubro ás obras da catedral de Lugo e que o propio vicesecretario xeral socialista cualificou como privada, xa que non houbo convocatoria dos medios de comunicación nin tampouco declaracións con respecto a esa actuación.

Esta resolución prodúcese a raíz da denuncia que presentou o Partido Popular, ao considerar que o ministro vulnerara a Lei orgánica de réxime electoral xeral coa visita á catedral lucense, porque dous medios de comunicación difundiran cadansúa fotografía de Blanco revisando as obras.

A Xunta Electoral aclara na súa resolución que 'non parece que se trate da inauguración da obra, xa que hai varios meses que se están desenvolvendo os traballos de restauración da catedral 'e aínda que existe 'difusión pública' desa visita, 'non concorre o requisito de que sexa un acto de inauguración'.

O propio Blanco mostrárase sorprendido de que o PP tomase a decisión de presentar esa denuncia e, durante a súa intervención no acto de apertura da campaña, asegurou que a visita tiña un carácter exclusivamente privado, sen ningunha motivación de tipo de electoral.

'Sorpréndeme que o Partido Popular me levase á Xunta Electoral, presentase unha denuncia, porque de forma privada fun visitar as obras que non fixo a Xunta de Galicia e que tivo que facer o Ministerio de Fomento, a través do 1% Cultural, para restaurar e tapar as pingueiras da catedral de Lugo', dixo Blanco.

Porén, a Xunta Electoral admitiu outra denuncia presentada polo PP contra o alcalde de Lugo, o socialista José López Orozco, e a vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, pola visita que realizaron á praza do Cantiño con motivo do inicio das obras de acondicionamento dese espazo urbano, unha noticia que aparece recollida na edición do 21 de outubro de La Voz de Galicia e El Progreso.

Ambos os dous dirixentes políticos foron multados con 200 euros, porque a Xunta Electoral entende que 'se trata da inauguración das obras públicas e que se lle deu a publicidade que se deduce da ampla difusión en prensa do devandito acto'.

Na mesma resolución, subliña que esa difusión 'evidencia' que 'houbo unha indiscutible actividade destinada a publicitar o acto'.

Te puede interesar