LA REVISTA

Da escuridade clara

Nos primeiros sesenta V.S. Naipaul, o escritor de Trinidad, Premio Nobel de Literatura, 2001, viaxou por vez primeira á India dos seus ancestros.

Nos primeiros sesenta V.S. Naipaul, o escritor de Trinidad, Premio Nobel de Literatura, 2001, viaxou por vez primeira á India dos seus ancestros. Un percorrido triangular, dixérase, que o levara por Bombay, Delhi e Calcuta durante o tempo preciso para deseñar un mapa, ideolóxico, sentimental, físico e político dun país tan contradictorio, dono hoxe da bomba atómica e de sofistificados sistemas de informática mais tamén dalgunha da xente máis esfameada do planeta.


Daquela, anos sesenta, os contrastes na Indía, recente o dominio británico, tiñan proxección meirande. A que atopa Naipaul, e reflicte neste tratado de actitudes e (in)moralidades nun espazo xeográfico no que a intransixencia relixiosa atranca sobremaneira a convivencia hindú-musulmana, pretexto para que “Rule Britannia” tallase o continente subindostánico en dúas nacións (hoxe tres, unha vez que Banglades optara por un camiño propio) á hora da independencia. Naipaul, así e todo, introduce con voracidade o bisturí nun país onde a xente asume o seu papel con sumisión (a caste intocable, a máis ínfima do mundo), a mesma coa que dispón os cadáveres para a pira funeraria, ou defeca en público coas maneiras socráticas dos que facían o propio no Ágora ateniense mentres falaban das súas cousas.


Acontece tamén, que na súa excursión a Cachemira, o autor vive o contexto do conflicto fronteirizo entre China e India, outra secuela do imperialismo británico, o máis renarteiro á hora da herdanza envenenada. Todo iso, combinado cunha entrada en materia chea de sagacidade, Naipaul escribe como os anxos (uns anxos dotados da acedume precisa para facer o conto máis críble), con sentimento insular, ultrapasado pola vida do que sen ser de ningures non termina de botar raíces. Tampouco na terra dos ancestros, entre a desilusión e un certo sentimento tráxico diante de moitos dos indios, subcaste de “fidalgos” aos que o traballo envilecese. 


Logo está que este libro, sendo de viaxes, non perde un aquel narrativo, que lle presta moito, De maneira que nel atoparemos personaxes e situacións, mesmo algún que outro microrrelato “avant la lettre”, conformando unha especie de artefacto que lle outorga un plus ao volume.

Te puede interesar