RECONOCIMIENTO

Verín recolle o galardón á mellor biblioteca de España

Foi premiada entre todas as das vilas de 5.000 a 20.000 habitantes polo Ministerio de Cultura

O tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo, recolleu onte na Biblioteca Nacional de España, en Madrid, o premio María Moliner de animación á lectura. O galardón foi entregado polo secretario xeral da Federación Española de Municipios e Provincias, Juan Ávila Francés, en presenza do Ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo.

Á capital do Estado acudiron tamén, en representación do municipio ourensán, a concelleira de Cultura, Emilia Somoza e os responsables da Biblioteca Municipal, Vicente Rodríguez Xusto e Aurora Prieto Tarrío. 

Nesta XVIII edición da Campaña de Animación á Lectura María Moliner do Ministerio de Eduación, Cultura e Deporte tamén foron galardonados os municipios de Estadilla (Huesca) e Galapagar (Madrid), nas súas respectivas categorías. As tres bibliotecas foron escollidas entre máis de 604 participantes.

O tenente alcalde verinense quixo lembrar no seu discurso de agradecemento o carácter pioneiro da vila enmarcada no Val do Támega na ilustre labor editorial, tendo sido Verín un dos primeiros núcleos poboacionais de Europa en dispoñer de dous impresores itinerantes que "foron contratados polo conde Don Sancho para instalar no Castelo de Monterrei esta tecnoloxía punta que o faría destacar na Corte dos Reis Católicos". De alí xurdiu o primeiro libro impreso de Galicia, o denominado "Misal Auriense" ou "Misal de Monterrei". Lourenzo afirmou estar alí "en nome de todos os veciños de Verín" e agradeceu o traballo constante dos responsables da biblioteca municipal, Vicente Rodríguez e Aurora Priero, e da concelleira do ramo, Emilia Somoza; quen non puideron conter a emoción desde os seus asentos.

A Biblioteca Municipal de Verín recibirá da Fundación Coca-Cola 12.000 euros polo seu proxecto que serán investidos na adquisición de fondos bibliográficos. Trátase dun proxecto consolidado, que xurdiu fai nove anos e que converteu á biblioteca nun referente cultural na localidade, realizando un gran número de actividades variadas e de calidade grazas á colaboración de mozos voluntarios.

Te puede interesar