CULTURA

Castrelo do Val viaxa ao pasado dende o seu museo

photo_camera Así é o museo de Castrelo. (Vídeo: C.C.).

O Concello abriu o centro de interpretación no día do Carme para festexar a súa patroa

O Concello de Castrelo do Val celebra hoxe a reapertura do seu museo -de 20,00 a 21,00 horas-, o centro de interpretación etnográfico e arqueolóxico, coincidindo co día do Carme, a súa patroa. “Decidimos abrilo o venres para homenaxear esta festividade en Castrelo”, explica Ramón López, concelleiro de Cultura.

O centro, o que era a antiga casa do médico, agora recolle a historia e os antepasados do municipio, co fin de contribuír a preservación, investigación e divulgación do patrimonio local: “Levo moito tempo recollendo polas aldeas adiante, escoitando e fiando historias, quero facer un libro que recolla todo o que agochaba Castrelo, é importante non perdelo”, sinala López, encargado de este pequeno museo, que defende que “Castrelo non é menos que ningún outro sitio, temos moita riqueza histórica”.

Restos arqueolóxicos do Castro da Cabanca en Castrelo, Pena Boeira en Gondulfes, pezas de muíños e fornos ou a súa xoia, a Pedra Alta - estatua estela do guerreiro-, son algúns dos tesouros que agocha o lugar, acompañados de antigüidades empregadas no día a día dos antepasados.

Así, os interesados en coñecer o centro de interpretación deberán pedir cita previa no Concello, para controlar os aforos e seguir as directrices sanitarias. 

Te puede interesar