Cualedro reúne nun xantar a 400 maiores

___cualedro_result
photo_camera Aspecto que presentaba a carpa instalada no colexio de Cualedro.

É a décima edición dun evento que tivo lugar no colexio Vicente Risco

Un ano máis, e xa van 10, Cualedro celebrou unha xornada de confraternidade adicada aos maiores do Concello. "Trátase dun recoñecemento ao traballo realizado polos veciños ao longo de todos estes anos", sinalou o rexidor local, Luciano Rivero. 

O evento, ao que asistiron a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o alcalde de Riós, Francisco Veiga, o rexidor de Monterrey, José Luis Suarez, a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino e o primeiro edil de Vilardevós, Manuel Cardoso, comezou ás 13,00 horas cunha misa solemne na igrexa de Santa María de Cualedro na que participaron o coro parroquial, as Pandereteiras da Xironda, as Bailadoras de Montes e o grupo de gaitas do concello de Cualedro.

Despois do acto relixioso, preto de 400 comensais, chegados dende todos os recunchos do concello, reuníronse na carpa instalada no recinto do colexio Vicente Risco para gozar dun xantar composto por empanada, polbo, carne ao caldeiro, viño de Monterrey e bica. A música dunha discoteca móbil animou aos participantes ata ben entrada a noite. 

O alcalde de Cualedro sinalou que se trata dunha xuntanza "que cada ano vai a máis" e ensalzou a figura dos maiores como "persoas necesarias para as nosas vidas". 

A delegada territorial, Marisol Díaz dixo que os maiores "teñen que ser os nosos nenos mimados" xa que "a eles lles debemos o que somos hoxe" e pola súa banda,  Rosendo Fernández engadiu que "son o ben máis prezado que temos". Luciano Rivero quixo recordar, na súa intervención, a Manolo Jardón, o alguacil do Concello falecido o mes pasado: "Sempre o lembraremos e o levaremos no noso corazón". 

Te puede interesar