O Concello de Oímbra e a Consellería de Medio Ambiente reuníronse por videoconferencia hoxe para coñecer as distintas liñas para incrementar o parque municipal de vivendas públicas
Este martes, Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra, reuníuse con Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para coñecer diferentes opcións que posibiliten o aumento do parque actual de vivendas públicas deste concello.
Nesta reunión, -realizada por videoconferencia-, Villarino e Vázquez abordaron os distintos programas e liñas de actuación do Instituto Galego de Vivenda e Solo para avanzar neste obxectivo de ampliación. O Instituto brinda asesoramento técnico e tamén apoio económico, ó abeiro das axudas que se convoquen ó longo do presente ano.
A conselleira de Medio Ambiente recordou que un dos mecanismos ós que pode acceder Oímbra é o Fondo de Cooperación cos concellos -un instrumento de apoio ós municipios de menos de 50.000 habitantes-, facilitándolle o financiamento necesario para acometer proxectos mediante a concesión de préstamos sen xuros. Outra opción é habilitar nova vivenda a través do programa de construción de vivendas modulares, posto que é unha fórmula que permite reducir os prazos e a xeración de residuos.
Finalmente, se o Concello de Oímbra decide levar a cabo a rehabilitación, ten a súa disposición un programa de vivendas municipais que está dirixido a facilitar ós municipios a creación dun parque público de vivenda municipal para alugueiro, ó tempo que fomenta a mellora de vivendas xa existentes.
Éxito do programa
Ángeles Vázquez recordou que dende a posta en marcha deste proxecto, no ano 2017, facilitouse a rehabilitación de 125 vivendas.