cultura

A organización do festival de curtas fai público o xurado

Jorge Coira, Ledicia Sola, Sandra Pinho, Alberte Branco e Emilia Somoza serán os encargados de decidir os gañadores do FIC

En pouco máis de dúas semanas dará comezo o primeiro festival de curtas de Verín, FIC Vía XIV, e as novidades non deixan de coñecerse. No día de onte, fíxose público o xurado que escollerá ás cintas premiadas nas diferentes categorías. Así, a organización decidiu que Jorge Coira, Ledicia Sola, Sandra Pinho, Alberte Branco e Emilia Somoza sexan os encargados de decidir os gañadores do FIC. A función deste organismo será avaliar as curtometraxes seleccionadas segundo os criterios e coñecementos que teñen estas relevantes figuras do ámbito audiovisual. 

Jorge Coira naceu na localidade lucense de Rábade. É un importante director, guionista e montador tanto de cine como de televisión.

A actriz ourensá Ledicia Sola é coñecida polo seu traballo en series de televisión, cine e teatro. Participou en "Gran reserva", "O nordés" e "Periodistas", entre outras. 

ROSTROS DO SECTOR

Sandra Pinho naceu en Angola. Aos 7 anos mudouse a unha aldea de Montealegre. Máis adiante, remataba os seus estudos universitarios de Xeoloxía en Oporto. Actualmente vive en Vilarelho da Raia e é profesora de Bioloxía e Xeoloxía en Chaves. É a presidenta do cineclub de Chaves, asociación que realiza anualmente a mostra de cinema À Raia! coa finalidade de divulgar o sétimo arte portugués e galego. 

Alberte Branco, membro da Asociación Española de Autores de Obras Cinematográficas e da Academia Galega do Audiovisual, xa leva na súa traxectoria de director de fotografía nove longametraxes tanto de ficción coma de non ficción.

Pechará o quinteto a actual edila de Cultura, Emilia Somoza.

Te puede interesar