O Concello de Verín anunciou que repartirá preto de 2.000 máscaras hixiénicas baixo a temática do Entroido nos centros educativos de Verín. O deseño destas está baseado na principal figura do Entroido verinense, o Cigarrón.
A distribución destes "cubre bocas" é a primeira iniciativa dentro dun conxunto de accións promocionais que ten preparadas o Concello da vila do Támega para poder manter vivo o Entroido dalgunha forma, cumprindo sempre as normativas da actual situación sanitaria e respectando as restricións vixentes.
A partir do día 4 de febreiro, que coincide co día no que se celebraría o xoves de compadres e se daría o pistoletazo de saída ao Entroido de Verín, comezará a entregarse nas escolas este obsequio aos estudantes da vila.
Gerardo Seoane, alcalde de Verín explica que "aínda que sabemos que aos verineses e verinesas non lles fai falta, con esta iniciativa queremos contribuír, de maneira segura, a manter viva a chama do Entroido, neste caso entre os máis pequenos da casa".
O deseño das máscaras foi elaborado pola artista local, natural de Albarellos, Aurora López. Ademais, o "cubre bocas" será hixíenico e reutilizable e o seu tecido estará homologado pola normativa UNE0065 para filtrar e protexer ante o coronavirus.
Agora, toca esperar a ver aos cativos pola rúa coas máscaras.