MONTERREI

Verín inicia os preparativos para a festividade dos Maios

MAIOS EN VERIN
photo_camera A última festividade dos maios celebrada en Verín (JOSÉ PAZ).

O Concello vén de abrir o prazo de inscrición que se prolongará ata o vindeiro día 23 do mes de abril

O Concello de Verín vén de iniciar os preparativos para a súa tradicional Festa dos Maios, que nesta ocasión apostará -no caso dos alumnos de Infantil que participen- polo material reciclado. A festividade farase na honra de Enrique Gómez Pato, quen, antigamente, percorría as rúas da vila con esculturas de madeira recubertas de plantas silvestres. Tal e como explican dende o Consistorio verinés, ao carón destas figuras o propio Enrique e as persoas que o acompañaban entonaban unha serie de coplas creativas que, case sempre, chamaban a atención dos lugareños e os sorprendían pola súa orixinalidade e parte máis crítica. 

Co obxectivo de lembrar a Enrique Gómez, e para que a vila logre manter viva esta tradición floral como manifestación da súa cultura popular, o Concello organizará unha concentración de maios tradicionais e artísticos. 

Todos os veciños que queiran participar poderán facelo inscribíndose previamente en dependencias municipais antes do día 23 de abril. Están chamados a facelo centros de ensino da comarca, así como institucións e asociacións culturais e sociais que estean rexistradas e que mantiveran actividades públicas logo da Festa dos Maios de 2018. 

O evento celebrarase no Parque da Alameda, o vindeiro 1 de maio. A ubicación das propostas participantes determinarase por un sorteo e estarán expostas dende as 10,00 horas ata o remate da festa. 

A única condición que pon a organización é que os maios "artísticos ou enxebres" terán que ir recubertos na súa totalidade con elementos naturais como xestas, carrabouxos, flores ou madeiras. 


Axudas para participantes


Cada asociación que participe na mostra recibirá unha axuda para os costes de montaxe dos maios. Por outra banda, as coplas serán elaboradas polos grupos participantes e non poderán ter menos de 16 estrofas de catro versos, nin máis das que se poidan reproducir nun folio de tipo A4 impreso a unha cara. Dende o Consistorio recomendan "coidar a estrutura literaria e a correción idiomática" pois aseguran que "non realizarán ningunha revisión formal do texto" se non é pedida expresamente polo colectivo que redacte a copla. 

Unha vez rematados os maios en Verín, a organización elaborará unha edición "única e conxunta" de todos os participantes con obxectivos culturais e sociais. As doazóns que se recaden no reparto dos 600 exemplares destinaranse a programas da Cruz Vermella.

Te puede interesar