A arma máis poderosa do mundo


<p></p>
photo_camera Xoves xogando ao "soccer" no barrio neoyorquino de Brooklyn.

Imos falar de fútbol. O termo “soccer” non é un invento americano. Moi ao contrario, é un invento inglés que nace coas primeiras regras do que se considera o fútbol moderno.

Imos falar de fútbol. Na semana na que Bernie Sanders por fin deu o seu respaldo a Hillary Clinton, a regañadentes pero aí está. Na semana na que descubrimos que o relatorio político do partido republicano fai parecer case socialista a Trump en temas de políticas sociais, ou na semana das #blacklivesmatter e asasinatos raciais de policías en Dallas… imos falar de fútbol porque todo está relacionado.

Ao noso fútbol nos Estados Unidos lle chaman “soccer” e é un deporte de nenos ricos e de nenas. A selección americana feminina é Campiona do Mundo, por exemplo. As “pachangas” en Nova York adoitan ser mixtas, e lles podo garantir que xogan moito mellor elas que eles. Elas entenden o xogo…eles corren moito, e pouco máis. Non aprenderon a xogar no patio do colexio ou na rúa e iso nótase. Tamén o notan os que xogan de maneira profesional. “Fáltalles ter mamado este deporte” comentábanme Pablo Álvarez -ex do Depor- e Angeliño -xogador do Manchester City- , os dous galegos que formaron parte o ano pasado das filas do New York City FC, o equipo de Villa. Pero imos por partes.

O termo “soccer” non é un invento americano. Moi ao contrario, é un invento inglés que nace coas primeiras regras do que se considera o fútbol moderno. A palabra “soccer” vén da “Association Football”. No século XIX os avantaxados alumnos de Oxford e Cambridge tiñan por moda apocopar as palabras e engadir -er ao final. Por exemplo o rugby nace da “Rugby Association” e lle chamaban -rugger-. Así que de “Association Football” colleron “soc” e engadiron -er. Por que non colleron “Ass” que así empeza a palabra? Pois porque “ass” en inglés significa traseiro, e non lles quedaba bonito. Con ese nome pasaría a Estados Unidos no século XX e xa quedou, xa que aquí empezaba a existir o outro Football, o que nós chamamos fútbol americano.

Nos Estados Unidos o soccer é unha actividade extra escolar. Se queres que o teu fillo aprenda o tes que apuntar a unha academia de fútbol e pagar un bo diñeiro…polo menos en Nova York. Tamén é certo que chama a atención a multitude de campos para xogar “un sete contra sete” que hai en Manhattan... pero todo regulado, non hai partidos espontáneos.

A pasada Copa América do Centenario que se xogou nos Estados Unidos, vendeuse como un éxito económico para Univisión que pagou 70 millóns de dólares polos dereitos de televisión e, segundo as súas contas, recadou 130 millóns en publicidade. Tamén foi a Copa dos records de asistencia (tamén era a que tiña os estadios máis grandes) pero a realidade é que a asistencia foi maioritariamente latina. En todo caso a ofensiva neste país polo fútbol é total…ulen os cartos a quilómetros de distancia, pero non todo é diñeiro.

Que Beckham por fin conseguira as licencias para facer o seu equipo en Miami é diñeiro, pero que o alcalde de Nova York Bill De Blasio, a Fundación do Soccer, Adidas e o New York City FC se xuntaran para facer e manter 50 campos de fútbol nas zonas menos privilexiadas dos cinco barrios da cidade… iso non é diñeiro, iso é educación a través do fútbol e unha das noticias da semana que pasarán case desapercibidas. No Bronx, Queens, Staten Island, Brooklyn en tamén en Manhattan os cativos terán onde xogar ao fútbol.

É un elemento de integración. A pelota está aí para todos e non entende de cores ou clases sociais como pasaba ate o de agora. Os propios xogadores do New York City FC, Villa, Lampard, Pirlo, Iraola e o adestrador Patrick Vieira son os abandeirados desta iniciativa. Eles xa o viviron. Saben do poder do fútbol para educar, para sacar aos rapaces da rúa, do que que significa a pertenza a un equipo, a camaradería…saben todo iso e o queren espallar. A dimensión do proxecto é colosal. É cambiar as bandas de rúa polos equipos. Os patios traseiros e os coches roubados aos 15 anos por campos de fútbol e balóns roubados dentro da área. Remodelar parte dun maltreito sistema educativo a través do fútbol. Veremos se o conseguen polo pronto están a poñer os mimbres, que non é pouco.

No discurso de presentación do programa De Blasio dicía isto: “Na cidade dos inmigrantes con tantas linguaxes e culturas diferentes, esta iniciativa será unha das grandes ferramentas que poderemos usar para unificar a todos estes novos neoiorquinos”. Non unificar no senso de eliminar a bagaxe cultural, non, unificar no senso de romper barreiras a través do deporte.

Os odios, o racismo, os extremismos relixiosos… todos os males que estamos a vivir teñen como nexo común falta dunha educación sólida no respecto, na tolerancia, no coñecemento da nosa propia historia… e o fútbol aínda que moitos non o crean, é moito máis do que sae na tele… é un gran deporte. Ao mellor o xefe de policía de Nova York dentro de 40 anos xogou de cativo nestas escolas co futuro líder da comunidade do Bronx, e ao mellor se acordan de que teñen algo en común que aprenderon de cativos, e ao mellor en vez de dispararse sentan no chan como facían de cativos cando acababan o adestramento e falan do que pasou no campo… ou na vida. E ao mellor en vez de policías matando impunemente a xente negra como pasa agora e xente negra matando policías en vinganza, temos outro marco máis civilizado porque xogaron xuntos no barrio… xa veremos, é un tiro de longa distancia, como din aquí, pero o que está claro é que o fútbol é unha explosión en todo o planeta, e se o cargas de educación pode ser a arma máis poderosa do mundo.

Te puede interesar