DENTRO DO IMPERIO

As estrelas da fin do mundo

<p></p>

Trouxemos as estrelas de Galicia a Nova York e as nosas estrelas, o noso cine, a nosa gastronomía, os nosos destinos turísticos deslumbraron.

We came from the end of the world to bring you our stars”. Así comecei o meu discurso -permítanme que fale de nós esta vez- ante o auditorio do Instituto Cervantes o día de clausura do Galician Cinema & Food Festival en Nova York. “Viñemos desde a fin do mundo para traerlles as nosas estrelas”. Esa é a tradución e o fío condutor dun programa que deseñamos tres galegos, Elena Pérez Canal, Miguel Palacios, e máis eu, como director, durante un ano.

Mentres lles escribía nestas liñas da potencia dos galegos en Nova York, estabamos tamén a elaborar a maior acción de promoción de Galicia do ano nos Estados Unidos. Catro días de cine cos finalistas dos Mestre Mateo, gastronomía, astronomía, educación e turismo no corazón de Manhattan. Ningunha outra comunidade autónoma ten 4 días para si en ningún Instituto Cervantes de Estados Unidos e posiblemente tampouco noutro sitio. De feito outras comunidades xa se están a interesar polo noso traballo.

Como supoño que xa saberán do evento, o que lles vou contar é a intrahistoria, bueno, parte. Tiñamos moi claro como funciona este mercado. A Nova York debes traer o mellor que tes, se non, é mellor non facer nada. Aquí prémiase o talento pero non se soporta a mediocridade. E nós sabíamos que o que temos é extraordinario…faltaba a parte complicada, traelo e vendelo aquí.

Con algunhas axudas de diferentes axencias do goberno galego e gracias aos patrocinadores, trouxemos ao mellor do noso cine, Jorge Coira (gañador do Mestre Mateo e Goya por “O Descoñecido”) e a Álvaro Villasante, top chef do “Grupo Nove”. A Óscar Blanco, o mellor astro-fotógrafo de Galicia, o trouxemos gracias a nosa amizade con el e ao Concello da Veiga. Óscar iluminou o centro de Manhattan coas estrelas de Trevinca. Os rapaces do IES Celanova, xuntaron diñeiro eles nunha historia incrible, e viñeron a presentar a súa curta “Looking for Bill Viola”. Nós aquí mesturamos este proxecto co dos rapaces da “Guetto Film School” do Bronx, que estiveron o pasado verán rodando en Sada a curta “The Red Car”. Con estás dúas curtas creamos a sección de Educación e Cine que esperamos poder continuar en anos vindeiros.

Trouxemos a música galega a través da playlist elaborada polo Café Pop-Torgal e fixemos un aceno a Asturias co gaiteiro Carlos Casado tocando en directo.

Eu, profesionalmente, tiña moi claro o que ía pasar. O talento fala a mesma linguaxe en todas as partes do mundo. Estaba claro que Jorge Coira ía enganchar aos 30 segundos con Martín Rosete, Ana Asensio, Adán Aliaga ou Jerry Perzigian, o productor das míticas “Las chicas de Oro”. E así foi. Contactos feitos e ogallá proxectos en marcha. De ti a ti. Con Álvaro Villasante exactamente o mesmo. Nas precarias condicións de traballo que lle puidemos dar co escaso orzamento que tiñamos, deu un máster non só de cociña, se non de relacións públicas, e serviu o mellor que se catou no Instituto Cervantes en todo o ano. Falando disto, agarden noticias porque estamos traballando para levar Galicia ao mellor encontro de chefs dos Estados Unidos. Algún chef galego xa sabe deste contacto e da súa relevancia. Galicia nunca estivo nese certame, e os que facemos o GC&FF queremos poñer a Galicia e gastronomía galega no mapa.

Ao final todo é turismo, todo é promoción. O noso cine, a gastronomía e o Camiño son as nosas bandeiras. Usar o cine como a máis potente ferramenta de marketing xa se fai nos Estados Unidos desde hai 80 anos…Quen raio ía ir As Vegas no medio do deserto se non é polas películas? Por que viaxan vostedes a Nova York, onde o viron? Que ten de especial Miami Beach? Nada, xa llo digo eu que estiven alí…pero imos igual. Se algún non se enterou de que a maior ferramenta de promoción turística dun país é o cine ten un serio problema, por non falar de que no noso cine hai diñeiro público e a obriga dun gobernante é exprimilo ata a última pinga.

Seguimos. Unha vez tiñamos as estrelas, tiñamos que atraer ao público americano. A nosa web está en inglés por iso, e nós tamén falamos en inglés no certame. Non estamos en NYC para ensinarlle Galicia aos españois que é o que pasa no 99% dos actos de promoción de España. Iso é moito máis doado de organizar, pero é inútil, é tirar o diñeiro. Usamos as nosas propias redes, os nosos propios contactos. Resultado: oficialmente pasaron máis de 700 persoas polo GC&FF nos catro días que durou o festival. Un “éxito” en palabras director do Instituto, Ignacio Olmos, que apostou desde o principio por nós. E o máis importante…a metade das reservas que chegaron á nosa web (acabamos con todo reservado os 4 días) eran de público americano. Obxectivo conseguido. Pero queriamos máis. Os medios de comunicación.

Os que se dedican ao marketing saben das decenas de miles de euros que vale o dossier de prensa que acadamos. Jorge Coira e máis eu fomos entrevistados en NY1, a maior cadena de televisión en castelán de Nova York, e Óscar Blanco levou as nosas estrelas ao plató de NTN24, canal que emite desde USA para latinoamérica. Ademais da televisión americana e española, tivemos impactos en prensa norteamericana, española e galega. O dito, miles de euros de retorno en boa publicidade para Galicia.

Trouxemos as estrelas de Galicia a Nova York e as nosas estrelas, o noso cine, a nosa gastronomía, os nosos destinos turísticos deslumbraron. Claro que se pode competir de ti a ti en Nova York! Xa o fixeron os nosos emigrantes, que son as nosas primeiras estrelas… pero agora hai que vir aquí ensinar o novo traballo e abrir mercado.

É curioso, falando de promoción Galicia. Se tivera escrito este artigo hai unha semana posiblemente o titular fose: “A turista accidental” pero unha semana despois non lle adicarei máis desta liña de todas as que lle podería adicar. So espero que na súa axencia xa se enteraran, unha semana despois, de que non nos chamamos Galician Film Festival e que pasaron por aquí máis de 700 persoas, non 100. Debeu ser o jet lag. Imos deixalo aí… so far…

Te puede interesar