EEUU

Republicanos, latinos, cristiáns...

<p></p>
photo_camera Donald Trump, o pasado xoves, na súa intervención na convención republicana de Cleveland.

Eu creo que Obama pasará á historia como un dos mellores presidentes deste complicado país

Non me podo explicar como un latino pode votar por Donald Trump!” Este é un mantra repetido por non poucos latinos en Estados Unidos, pero a realidade é que si que hai latinos que votan ao xa oficialmente candidato republicano á presidencia dos Estados Unidos. Eu falei con algúns. Para respostar a estas preguntas non o podes facer desde a perspectiva ou a lóxica europea, hai que baixar a rúa e preguntar.

Shannen Doherty a actriz que deu vida a Brenda de “Sensación de Vivir” -serie de culto para os adolescentes do anos 90- ten cancro de mama. Aos seus 45 anos publicou unhas fotos no seu Instagram nas que se rapaba o pelo. Desta forma facía visible ao gran público a súa enfermidade. Tamén anunciaba que denunciara ao seu xestor porque non pagara o seguro médico privado durante un ano, o que significa que non ten seguro. En Estados Unidos a combinación cancro/non seguro adoita ser letal. Shannen Doherty conseguirá cartos para pagar o tratamento, estou certo, e ogallá lle vaia moi ben. Aínda que non o pareza seguimos a falar de Trump e os latinos.

Hai un par de semanas quedamos para cear uns amigos, sempre se apunta xente e sempre se coñece a alguén interesante. Un deses amigos dun amigo era español, levaba 16 anos nos Estados Unidos e traballaba en Educación en Nova York. Polo círculo que estabamos na cea e pola formación do amigo, todo parecía indicar que era unha persoa informada e de certo sentido crítico ou analítico das cousas…ata que empezamos coa política. El é firme defensor de Obama. Eu creo que Obama, coas súas sombras como todos, pasará a historia como un dos mellores presidentes deste complicado país. Así que, dacordo. Entramos en Sanidade. Eu lle dixen que este país é un auténtico desastre e nin sequera algo tan livián como o “ObamaCare” foi capaz de callar na sociedade, e se gañan os republicanos van tirar con el. El dicía que non, que era moito mellor este sistema que o europeo, e nomeadamente o español. Esa frase para os que vivimos aquí e sabemos o que é isto non merece nin resposta…pero seguín.

Seu argumento era: “en España as listas de espera son interminables”, ao que eu lle dixen “si, é certo, pero depende tamén da urxencia. En todo caso a diferencia -e falando do cancro- é que en España estás en lista de espera pero en USA, se non tes seguro, tes dúas opcións: se tes sorte e un banco che presta o diñeiro, literalmente hipotecas a toda a túa familia (fillos incluídos, a eles pasará a débeda se non a podes pagar) ou morres, esa son as dúas opcións”. Vexan Breaking Bad, que vai disto. Non lle valía o argumento. O home seguía nas súas trece, ata que lle dixen: “mira, o teu presidente Obama sinte vergoña porque Estados Unidos é o único país do mundo desenvolvido do planeta que non conta cun sistema de saúde universal, o di Obama non eu, e é tema central da campaña de Bernie Sanders (a quen el adoraba)”. Eu pensei que con iso zanxaba a discusión. Nin moito menos seguiu nas súas trece co que optei por cambiar de interlocutor e tema na cena. A moralexa é que: un español, con traballo e con estudios, defendía o indefendible. Así que non é unha cuestión de orixe ou estudos, ten que haber algo máis. Nas súas verbas non había un aceno de autocrítica nin neste nin noutros temas…Estados Unidos é o mellor…e punto, os argumentos son o de menos. É como un intento inconsciente de ser máis americano que os americanos. E ese é o quid da cuestión para entender parte do voto latino por Trump.

Trump fixo da inmigración ilegal e o famoso muro o eixo da súa campaña con consignas fascistas e xenófobas como o seu propio lema “America First” (América Primeiro) sen importarlle absolutamente nada que ata a súa familia é de emigrantes, como todo o mundo neste país. O seu flamante vicepresidente, Mike Pence, quere incluso quitarlle a cidadanía aos fillos de inmigrantes que nazan en territorio americano. E aínda así algúns inmigrantes latinos votan por eles.

Os inmigrantes latinos que conseguiron facerse legais nos Estados Unidos pasaron por toda clase de penurias e incertidumes, pero traballaron moi duro e ao final o conseguiron. Nese proceso tiveron que amosar que eran máis americanos que os americanos, que o país que os acolleu é o país da liberdade no que todo é posible, o soño americano. E non hai nada máis americano que un republicano de pura cepa, e se para demostrar que es americano tes que repudiar ás túas orixes pois o fas e punto. Ao fin e ao cabo a realidade é que saíron dos seus países porque a miseria ou a violencia os rodeaba e non tiñan futuro nin nada que perder. Así que non é difícil de entender que agora abracen ao seu salvador -Estados Unidos- incluso en contra das súas orixes. Este é un dos grandes motivos do voto latino: eu xa son americano, xa estou salvado, o que veña que se apañe. Os outros, son xa máis comúns, como a desinformación e as promesas de Trump de que o diñeiro vai volver rebordar dos seus petos devolvendo América aos americanos. Cousas que se din en campaña.

As imaxes que deixou a asemblea republicana en todo caso foron abraiantes. Cidadáns desfilando polas rúas de Cleveland con uniformes militares e portando ametralladoras, “porque temos dereito a facelo”. Imaxinan 20 tipos paseando polas rúas de Santiago con fusís de asalto? Benvidos a Estados Unidos e á Convención Republicana. Por certo, Mike Pence, o vicepresidente, declara que el é: “cristián, conservador e republicano, por esa orde”. Remato cun dato que aporta a extraordinaria correspondente de TVE, Almudena Ariza, que estivo en Cleveland esta semana. Durante a Convención Republicana duplicouse a clientela dos clubs de alterne da cidade…ao mellor hai que revisar esa orde de factores no seu rabaño Mr. Pence.

Te puede interesar