o ribeiro

A Alameda de Ribadavia acollerá un brinde colectivo con viño

O consello regulador organiza a celebración do Día movemento viño D.o. cunha degustación a prezos populares

O recinto feiral da Alameda de Ribadavia acollerá a celebración do Día Movemento Viño D.O. que organiza o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e promove a Confederación Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV). Esta cita anual cos viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia desenvolverase mañá, 11 de maio, en horario de 11,30 a 14,30 horas. 

Haberá un stand con venta de copas e tiques para a degustación de viño Ribeiro a prezos populares para que despois os participantes poidan facer un brinde colectivo ás 13,30 horas. A xornada estará amenizada por un DJ e se organizarán sorteos de lotes de viño e merchandising entre o público.

Esta é a terceira edición do Día Movemento Viño D.O. e a segunda na que participa activamente o Consello Regulador do Ribeiro. Este ano, ademais de poñer en valor o viño con denominación de orixe, o obxectivo é salientar o papel das Denominacións de Orixe coma fonte sostible de creación de riqueza e arraigo no medio rural.

Dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro convidan a todos os habitantes da comarca a participar nesta acción que servirá tamén para reivindicar un territorio rural histórico con grandes potencialidades e recursos como é o Ribeiro. A organización quere poñer en valor tanto a importancia da viticultura, ao constituír o verdadeiro motor económico, como o papel do Consello Regulador como axente activo de vertebración e cohesión do territorio; garante dun produto con alto valor engadido, e fonte de xeración de oportunidades.

Te puede interesar