Aprobadas obras urxentes polo arsénico na auga de Castrelo de Miño

As actuacións, que suporán un investimento de 400.000 euros, reducirán os niveis de arsénico do sistema de abastecemento municipal de auga

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Castrelo de Miño para desenvolver as actuacións necesarias para reducir os niveis de arsénico do sistema de abastecemento municipal de auga, que suporán un investimento de 400.000 euros.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, financiará a asistencia técnica ao Concello para definir as actuacións de emerxencia necesarias para a eliminación do arsénico con carácter urxente, as obras para abastecer con garantía sanitaria á poboación e a redacción do proxecto da solución definitiva a este problema.

O pasado 17 de decembro o Concello realizou unha Declaración de Emerxencia para afrontar a situación tras detectarse elevados valores de arsénico no sistema de abastecemento de auga. Para atallar de forma inmediata esta problemática, na potabilizadora de Coto Novelle, mellorarase a dosificación de reactivos e levarase a cabo a substitución da area do filtro pechado actual por outra de alta capacidade, mediante un sistema automatizado. No depósito de Traveso executarase un filtro para a eliminación de arsénico, con analizadores de cloro e turbidez en tempo real.

Xunto con isto, o convenio recolle a redacción do proxecto da solución que permita acabar de forma definitiva co problema da presenza de altos niveis de arsénico.

Te puede interesar