Aprobado o saneamento e beirarrúas de San Cristovo

O proxecto para a creación de novas beirarrúas e novo saneamento en San Cristovo de Regodeigón, na OU-504, foi aprobado no pleno de Ribadavia, despois de moitos anos de reivindicacións.

En marzo do pasado ano, aprobárase o convenio entre Concello e Confederación Hidrográfica Miño-Sil por importe de case 800.000 mil euros, que xestionara desde o 2019 o anterior alcalde socialista, Ignacio Gómez. 

A redacción do proxecto adxudicouse en outubro do 2021 e a estimación da súa licitación é de un par de meses, se non xorde ningunha complicación derivada da crise enerxética e o encarecemento dos materiais. Polo tanto, podería ser que se comece a obra antes do verán.  
Ao ser unha estrada de titularidade da Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas e Mobilidade procede a redactar o proxecto para ampliar estas obras en 550 metros.
Desde o Concello tamén insisten na petición de mellora da seguridade neste vial, onde o tránsito é moi intenso e os vehículos moitas veces supoñen un risco para os veciños. 

“É unha das obras máis importantes e urxentes para Ribadavia, que se leva reclamando fai máis de 20 anos”, sinala a alcaldesa, Noelia Rodríguez, que se refire a que as beirarrúas están destrozadas e tamén ás continuas avarías que se producen nas vellas canalizacións.

Te puede interesar