O arsénico obriga a mellorar a rede de augas en Castrelo do Miño

Obras na rede de abastecemento de Castrelo de Miño.
photo_camera Obras na rede de abastecemento de Castrelo de Miño.

A Xunta financia as obras en varios núcleos e o PSOE reclama que se axilice a nova captación do Miño

A Xunta adxudica as obras de mellora da rede de abastecemento en varios núcleos do concello de Castrelo de Miño. Este contrato, adxudicado á empresa Vázquez y Arias y Bioenergías por un importe de preto de 40.000 euros, terá un prazo de execución de mes e medio.

O obxectivo das obras é garantir o subministro de auga a distintos lugares deste municipio, así como a súa calidade, paliando os problemas derivados da presenza de arsénico. Para isto, será necesaria a instalación de novas tubaxes que leven o subministro aos puntos que teñen problemas de caudal.

Así, no tramo da Bouza-As Bouzas completarase a rede, dispoñendo un total de 1.908 metros de tubaxe. Tamén se procederá á instalación dunha nova rede desde o punto de encontro coa rede principal que vén do depósito de Santo Estevo ata Pousadoiro. No núcleo de Ramiras colocarase un sistema de corte mediante un mecanismo con tarxeta de datos, así como unha instalación fotovoltaica con baterías de xel para subministro eléctrico e en Astariz acometerase un treito de rede de abastecemento na OU-402.

Por outra banda, a deputada do PSdeG, Marina Ortega, vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamarlle á Xunta que axilice a posta en marcha dunha nova captación de auga no Concello de Castrelo de Miño.

Te puede interesar