Carrozas e acios protagonizan a Festa da Vendima en Leiro

Unha das carrozas do concurso na edición anterior. (Foto: JOSÉ PAZ)
A localidade de Leiro acollerá o vindeiro domingo a 23ª edición da Festa da Vendima, un evento co que se pretende rendir homenaxe ás xentes da comarca do Ribeiro e a súa principal actividade, o cultivo da vide e a elaboración do viño.
Coa colaboración do Inorde e a Xunta, o Concello preparou un amplo programa, que comezará coa mostra dos acios que os viticultores de diferentes localidades presentan para o tradicional concurso. Os premios, tanto para uvas tintas coma brancas, serán tres, de 90, 60 e 30 euros.

As autoridades convidadas, tra-la recepción na Casa do Concello, trasladaranse á Praza do Cruceiro, para escoitar, ó mediodía, o pregón de Pilar Farjas, secretaria xeral de Sanidade e Consumo do Estado. A continuación, entre a rúa Gabino Bugallal e o campo da feira, desfilarán as carrozas que participan no certame na categoría de adultos e infantil. Na primeira, haberá premios de 1.000, 750 e 500 euros para os primeiros clasificados, e un accesit de 300 euros para o resto dos deseños.

Os rapaces terán, respectivamente, unha dotación económica de 400, 300 e 200 euros, e un lote de libros máis 50 euros para o resto. Durante toda a xornada, manteranse abertos no paseo fluvial do Avia os postos do mercado artesanal da festa, que xa acada a súa décima edición.

No campo do Salgueiral, haberá postos para xantar, e nesa paraxe entregaranse ás 18,00 horas os premios dos concursos, mentres o público infantil poderá disfrutar de xogos populares, inchables e unha festa da espuma. O festexo rematará co festival de corais na igrexa de San Pedro, despois do partido de fútbol entre Leiro e Barbantes, ás 19,00 horas.

Te puede interesar