O Centro Rural Amencer gaña o premio "Pilabot" de reciclaxe

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, recibiu onte á directora do Centro Rural Agrupado Amencer de Ribadavia a quen lle fixo entrega do diploma que recoñece ao gañador da última edición do concurso de recollida de pilas, acumuladores e baterías usadas entre colexios de Primaria e Secundaria de toda a Comunidade autónoma, cun ratio de recollida de 87 kg por alumno, sendo o segundo ano consecutivo que consigue este galardón. 

Isto reportoulle ao centro unha recompensa de 2.500 euros para empregar en material escolar e deportivo.

O delegado territorial explicou que a Xunta, coa colaboración e apoio dos xestores de pilas autorizados Ecopilas, ERP e Ecolec, impulsa un ano máis a campaña escolar Pilabot, unha iniciativa para promover a concienciación das novas xeracións sobre a reciclaxe.

Gabriel Alén animou a todo o alumnado a manter esta liña de esforzo e concienciación en beneficio de preservar o medio natural e subliñou que o obxectivo da que será a terceira convocatoria de Pilabot, será superar estas cifras, para o que animou aos centros educativos de toda a provincia a implicarse na campaña.

A actividade central volverá ser o concurso escolar de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores de xeito que unha vez pechada a inscrición repartiranse bidóns colectores.

Te puede interesar