Servizos

Leiro creará un bono-taxi para os veciños que o necesiten

A corporación aprobou por unanimidade unha moción socialista para poñer en marcha o servizo

A Corporación municipal de Leiro aprobou por unanimidade unha moción do grupo socialista para a realización dun estudo e posta en marcha dun servizo de bono-taxi no municipio para uso da veciñanza que así o precise. Os socialistas consideran que a través desta iniciativa poderán beneficiarse veciños que cumpran unha serie de requisitos como estar empadroados en Leiro, ter algunha discapacidade ou toparse nunha situación pola que resulte difícil efectuar os desprazamentos, xa sexa por causas económicas ou de saúde.

Este grupo da oposición defendeu no pleno que correspóndelle ao Concello "subvencionar" as viaxes segundo determinadas condicións, que previamente deberán "quedar establecidas e recollidas nunha ordenanza municipal", ao mesmo tempo que instaba a ter en conta "a renda das persoas solicitantes, a situación familiar, o grao de dependencia, o desprazamento para a visita médica ou se hai algunha discapacidade", matiza o portavoz do PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez.

Esta iniciativa, segundo sinala o concelleiro, "busca facilitar a conciliación familiar e laboral e tamén achegar os núcleos rurais ao núcleo urbano".

Así mesmo, o socialista considera "moi necesaria" a posta en marcha de servizos que aporten "facilidades á mobilidade e axuden a minimizar o illamento dos maiores", insistindo tamén que buscan "achegar os lugares afastados ao núcleo urbano", segundo indica Manuel Rodríguez.

Te puede interesar