Melón e Boborás disporán de puntos limpos móbiles

Con esta liña de axudas mellórase e amplíase a xestión de residuos especiais de competencia municipal,

A Xunta de Galicia concedeu este ano dúas axudas por un importe de preto de 120.000 euros para a adquisición de puntos limpos móbiles por parte dos concellos de Melón e Boborás.

O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución coas 23 subvencións outorgadas ao abeiro da convocatoria realizada en 2021 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda, que no conxunto da Comunidade beneficiarán a un total de 31 municipios de menos de 3.000 habitantes e coas que poden cubrir o 100% do custo da compra deste vehículo, ata un máximo de 70.000 euros para unha solicitude individual, mentres que para unha agrupación de varios concellos pode chegar aos 100.000 euros.

Con esta liña de axudas mellórase e amplíase a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización. De xeito paralelo, tamén se evita a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas contornas e espazos naturais.

Con este tipo de incentivos avánzase un paso máis no cumprimento do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2020-2022, segundo sinalan responsables da Consellería, que outorga prioridade aos concellos de menos de 3.000 habitantes por ser o punto limpo móbil a opción que mellor se adapta as súas características.

Te puede interesar