Medio ambiente

Muimenta convertirase na terceira aldea modelo galega

Luis Milia, José González e Marisol Díaz durante un recente encontro cos veciños de Muimenta.
photo_camera Luis Milia, José González e Marisol Díaz durante un recente encontro cos veciños de Muimenta.
Os veciños remiten as sinaturas á Xunta para a limpeza e posterior explotación das súas terras

Os propietarios das parcelas que rodean o lugar de Muimenta, no concello de Carballeda de Avia, entregaron á Xunta as súas sinaturas para converter este núcleo na terceira aldea modelo de Galicia. A primeira foi Osmo, en Cenlle, onde xa se negocia con empresas interesadas en explotar as terras, seguida de Penedo, en Boborás, onde os titulares acaban de remitir recentemente o seu consentimento.

Co apoio do alcalde de Carballeda de Avia, Luís Milia, a Consellería do Medio Rural vén de recibir as sinaturas para comezar cos labores de limpeza e posta en valor dun total de 29,14 hectáreas. Así, nesta aldea realizarase a limpeza e a recuperación e posta en valor da faixa dos 50 metros máis próxima ao núcleo de poboación, no marco do convenio de protección das aldeas fronte ao lume posto en marcha pola Xunta, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O resto dos terreos ata o total da actuación, que pode acadar faixas de ata 150 metros, será posto en produción mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración cos produtores interesados no seu aproveitamento, para así crear actividade neste caso con cultivos tradicionais da zona, como cereais e horta, entroutros. Ao mesmo tempo, o conxunto dos terreos recuperados funcionarán como devasa natural fronte o lume, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica. 

Actuarase nun total de 1.639 parcelas de 242 propietarios. Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual.

A aldea modelo suporá a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago polo seu arrendamento– como para os interesados na posta en produción dos terreos.

A Xunta está a desenvolver os traballos previos en máis de 20 núcleos de poboación do rural galego co fin de avaliar a posibilidade de convertelos en aldeas modelo. Así ratificouno onte o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, no marco do Congreso Internacional de Desenvolvemento Rural e Turismo.

Te puede interesar