LEIRO

A oposición desexa outro enfoque para a Vendima de Leiro

leiro
photo_camera Actividades na Festa da Vendima de Leiro.
O alcalde insta ós grupos políticos a que "traian eles para anos vindeiros a persoeiros que prestixien a festa"

Os grupos políticos do PSOE e do BNG da Corporación municipal de Leiro plantexaron varias propostas para unha mellor programación e proxección exterior da Festa da Vendima de Leiro, que chegará o vindeiro 25 de agosto á súa 30ª edición. Ambas formacións coinciden nas súas críticas ás designacións dos pregoeiros por parte do goberno municipal, "xa que son persoas que, na súa meirande parte, non están vencelladas co Ribeiro ou co sector vitivinícola, de xeito que a celebración semella ser tan só un escaparate político do Partido Popular", apunta Manuel Rodríguez, voceiro socialista.

Ó respecto, rexeitan a elección de Mariano Rajoy para pregoar este ano o festexo. "Non entendemos cal é o interese que o actual equipo de goberno ten en conceder a honra de pregoar as nosas festas ao expresidente do Goberno español", suliña Xacobe Ribeiro, voceiro do BNG. Por outra banda, os nacionalistas aseguran que "non compartimos o modelo de xantar popular coa organización dun acto no que cada comensal ten que pagar 25 euros por asistir". Neste sentido, cren excesivo o prezo do mesmo "tendo en conta a realidade social do noso municipio, polo que instamos ós organizadores a revisar esto para anos vindeiros".

Así, o BNG adianta que "rexeitamos o convite para participar en calquera acto oficial da festa, xa que consideramos que o lugar no que debemos estar é coas xentes das nosas parroquias", polo que anuncian a organización "dun xantar popular para simpatizantes e amigos na paraxe do Salgueiral de Leiro, onde reivindicaremos outra forma de organizar as nosas festas". Xacobe Ribeiro  tamén salienta "a falta de protagonismo e respeto pola nosa cultura popular, xa que vemos que a aparición de agrupacións tradicionáis volve ser inexistente no programa desta edición", mentres Manuel Rodríguez propón "que se artellen intercambios e irmanamentos con outras localidades de referencia doutras rexións vitivinícolas".


Prezo


Ante estas manifestacións da oposición, o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, ínstalles "a que para anos vindeiros traian eles persoeiros que prestixien a festa como Rajoy, co que a xente está encantada de que veña de pregoeiro". Sobre o prezo do menú fixado para poder acceder ó xantar oficial, o rexedor popular pregunta "cánto custa a tarxeta da Festa do Pulpo no Carballiño", que ten un prezo superior, 30 euros, ó fixado para a Festa da Vendima.Tamén quixo facer referencia ás críticas sobre a ausencia de grupos folclóricos galegos nesta edición, sinalando que "eles (a oposición) non son os que organizan a festa, e nós traemos grupos de rock". E Fernández conclúe co dito: "Criticar es gratis, pero laborar es muy caro".

Te puede interesar