Ribadavia restrinxe o tráfico nas rúas do casco histórico

Estacionamento de vehículos na rúa Extramuros.
photo_camera Estacionamento de vehículos na rúa Extramuros.

O Concello de Ribadavia comezou onte unha campaña informativa a través dos axentes de Policía Local sobre a área de circulación restrinxida correspondente á denominada Zona Verde do casco histórico da vila.  Esta área de delimitación regulará a partir de agora os estacionamentos de xeito xustificado para residentes no casco histórico, concretamente nas rúas Extramuros, Banda A Lira, San Martín, Rego de Auga e Fonte da Prata, ademais de parte da rúa Progreso e as rúas Virxe do Portal e Xosé María Martínez.

Os propietarios dos vehículos deberán colocar a tarxeta verde que lles facilita o Concello nun lugar ben visible no momento de efectuar o aparcamento.  Ademais,  a Concellería de Tráfico de Ribadavia puxo en marcha a medida de facilitar ós residentes empadroados nas vivendas das rúas citadas un desconto no aparcadoiro municipal.

As autoridades municipais lembran, por outra banda, que a Zona Azul delimitada na vila é totalmente gratuíta e o estacionamento do vehículo abranguerá un tempo máximo de hora e media, e que se os propietarios non dispoñen da tarxeta coa hora de chegada, poderán utilizar tarxetas doutras vilas e deixalas nun lugar  visible dentro do coche.

Finalmente, dende a Concellería de Tráfico apúntase que tódolos usuarios do aparcadoiro municipal ubicado na Alameda dispoñen de dúas horas gratis de estacionamento, co obxectivo de facilitar calquera tipo de xestións ou compras que desexen facer na vila.

Te puede interesar