URBANISMO

Ribeiro en Común pide que se liberen parcelas privadas do polígono

O portavoz deste grupo da oposición ten en conta que son parcelas en mans privadas nas que nunca se construíu

O grupo municipal Ribeiro en Común de Ribadavia presentou unha moción para debatir no pleno de novembro co fin de que desde o Concello se inicien tramites para liberar solo industrial do polígono que está en mans privadas. O portavoz, Brais Fidalgo, ten en conta a necesidade que ten Ribadavia de dispor de solo industrial no Parque empresarial que se atopa na actualidade cunha oferta de solo case inexistente. 

Con esta proposta, este grupo da pretende "a mellora da oferta do solo industrial a través da liberación de solo comprado que nunca chegou a ser utilizado, o que semella en moitos casos unha autentica operación especulativa, que ten como resultado que o municipio a día de hoxe non dispoña de solo industrial que ofrecerlle a ningunha empresa para ubicarse nel". 

Para Ribeiro en Común a maioría dos problemas que padece o municipio e a veciñanza pasa pola falta de oportunidades de traballo e por mellorar a oferta de traballo en Ribadavia, "pero tamén para os potenciais veciños que no futuro se poderían empadroar no noso municipio. Sen traballo non hai nada, Ribadavia acabará baixando dos 5.000 habitantes", matiza o portavoz.

Nese sentido, apunta Ribeiro en Común que o Concello "debe liderar as accións, contactos, reunións e demandas de melloras no noso municipio para que as empresas se establezan en Ribadavia", conclúe Brais Fidalgo. 

Te puede interesar