TURISMO

Ribeiro en Común propón un espazo para autocaravanas

Brais Fidalgo defenderá a proposta en base a que a súa instalación suporía un pequeno custo de investimento, e a cambio poría a Ribadavia no mapa de autocaravanistas nacionais e internacionais

O grupo municipal Ribeiro en Común de Ribadavia solicita a través dunha moción a creación dunha área de servizo de autocaravanas neste concello, cabeceira de comarca do Ribeiro. O portavoz, Brais Fidalgo, considera que o turismo é unha actividade importante para Ribadavia e que hai moitos aspectos aos que non se lles presta a atención necesaria.

Engade que os datos estadísticos "móstrannos que o turismo en autocaravana é cada vez maior, sendo un formato de viaxe cada vez máis estendida, pero con todo, no noso entorno non dispoñemos de ningunha zona para darlle servizo a este tipo de viaxeiros". Ao mesmo tempo que sinala que Cartelle, Pontedeva, Amoeiro ou Ourense son as zonas máis próximas que dispoñen deste servizo.

Brais Fidalgo defenderá a proposta en base a que a súa instalación suporía un pequeno custo de investimento, e a cambio poría a Ribadavia no mapa de autocaravanistas nacionais e internacionais que viaxan por toda a Península ibérica, "e aos que a día de hoxe non chegamos. Estes visitantes pasan por Ribadavia, ou continúan o camiño ou pernoctan de maneira moi precaria", matiza.

O obxectivo desta moción de Ribeiro en Común é reforzar a actividade turística no Concello de Ribadavia dunha maneira sinxela e con investimento de poucos recursos, segundo asegura o concelleiro.

Te puede interesar