A urbanización do polígono industrial está pendente de informes

Xero disporá de 50.000 metros gratis en Melón

Terreos previstos para a creación do parque empresarial de Melón. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O Concello de Melón cederá gratuitamente á empresa británica Xero unha superficie de 50.000 metros cadrados no futuro polígono industrial de Cruceiro Gordo, unha medida que ten coma obxectivo incentivar a súa instalación no municipio. Estos terreos corresponden á primeira fase de urbanización da zona industrial e representan a metade da superficie que Xero precisa para construir as súas naves.
O alcalde, Alberto Pardellas, asegura que para a vindeira semana disporá dun estudio económico de valoración do investimento necesario para acometer os traballos de urbanización do polígono, 'que nunha primeira aproximación axústase ós 30 euros por metro cadrado que a empresa está disposta a pagar', subliñou.

Por outra banda, o rexedor de Melón anunciou o comezo dos contactos cos veciños que teñen propiedades no Cruceiro Gordo a fin de tentar acadar un acordo amistoso sobre o prezo das súas fincas, 'de xeito que os propietarios reciban unha cantidade equitativa'. Neste sentido, Pardellas lembra que, na actualidade, o Concello non está sometido a cargas financieiras, e por elo está en disposición de solicitar un crédito a unha entidade bancaria para afrontar os gastos derivados da adquisición deses primeiros 50.000 metros cadrados.


EMPRAZAMENTO

O alcalde tamén recibirá nesta semana un informe geotécnico sobre os terreos destinados ó parque empresarial, a fin de coñecer as características do subsolo e poder facer unha avaliación do custe do movemento de terras para iniciar as obras de urbanización. As previsións futuras son que a zona industrial do Cruceiro Gordo abarque uns 350.000 metros cadrados, 'nun emprazamento estratéxico, xa que a súa ubicación está a 50 metros do enlace coa estrada N-120 (Ourense-Vigo) e a medio quilómetro do enlace coa autovía A-52 (Madrid-Vigo)'. Antes do anuncio de Xero, Pardellas xa tiña mantido contactos con representantes das empresas Mitsubishi e PSA Citroën, para ofertarlles o solo industrial de Melón co aval desta situación preto das vías de comunicación.

Te puede interesar