O ourensán Alexandre Sotelino, candidato a mellor profesor: "Hai que traballar a educación emocional en tódalas materias"

Alexandre Sotelino, durante a entrevista. (Miguel Ángel)
photo_camera Alexandre Sotelino, durante a entrevista. (Miguel Ángel)
Este docente de 35 anos está nominado aos Premios Educa Abanca a Mejor Docente de España, na categoría universitaria: "Na aula xogo á sorpresa, cada clase é diferente".

Alexandre Sotelino (Ourense, 1986) está nominado por terceira vez aos Premios Educa Abanca a Mejor Docente de España, na categoría universitaria. Este pedagogo ourensán é profesor na USC, unha faceta profesional que combina coa labor asociativa e a vinculación ás raíces: organiza o festival cultural Rebulir, en Ramirás. O próximo mes de novembro coñeceránse os gañadores deste certame no que as nominacións dependen do alumnado. Foron os seus “pupilos” os que o colocaron de novo como mellor profesor universitario de España. “Segue sendo unha sorpresa, pero estou moi agradecido”, di.

É profesor de alumnado universitario. Por idade, son máis cercanos os estudantes?

A idade é unha das cousas que me favorece, ao final falamos no mesmo idioma e nos mesmos códigos. Iso achéganos.

Como foi facer pedagoxía en pandemia?

Difícil. Houbo que pensar a docencia case doutra maneira. Para os que nos gusta o directo e somos furafollas, foi complicado. Esperemos que o ano que vén volva a normalidade das aulas. A educación ten unha parte emocional que non podemos obviar.

Como se conseguiu no confinamento non olvidar esa parte emocional? Ou perdeuse?
Para min perdeuse case toda esa parte emocional, porque as pantallas marcan moitas distancias. Ter que pedir a palabra para falar, perder emotividade, expresividade… Perdes parte do contacto directo co alumnado.

A parte emocional será a que máis se recupere a partir de agora?

Esperemos. Está todo o mundo moi tenso.

E máis reivindicativos tamén?
Si. Con razón. Eu son o primeiro. A defensiva pola situación na que estamos na docencia, a enerxía ten que salir por algún lado.

 E que aprende o “mellor” docente dos  alumnos?

O que máis aprendín foi o manexo de ferramentas dixitais, formas de interaccionar diferentes, capacidade de superación e ganas. Foi cun pouco de resignación ao principio e despois tiramos para adiante. Esa capacidade de resiliencia é o que máis aprendín.

Falta unha asignatura de educación emocional nas escolas?

Non tanto como asignatura, senón algo transversal. Traballalo en tódalas asignaturas. Sen a parte emocional, non vas aprender na clase. Ata que tes solucionado o que tes fóra, non vas aprender na clase. Ti aprendes o que máis che gusta e interesa. Hai que empatizar co alumnado. A todos nos pasou.

Por que cre que o nominaron? 

Non sei. Quero pensar que algo aprenderon. Que puideron ter contacto cun mundo preprofesional. Que lles gustou e conquistou. 

Que metodoloxía utiliza nas aulas?

Utilizo varias. Unha soa durante todo un curso aburre. Fago temas de aprendizaxe cooperativo e aprendizaxe-servizo. Facer proxectos coa comunidade é motivador. Xogo á sorpresa, cada clase é diferente. Van ser mestres onde cada día é diferente. Chegas a aula e non sabes o que vai pasar. 

A investigación é outra parte importante no seu currículo.

Si, no grupo de investigación Esculca facemos investigación aplicada. Trátase de devolver á sociedade o que estamos facendo. Investigamos con colexios, facemos programas para ver se funcionan ou non… Os nosos puntos de traballo son metodoloxías innovadoras.

Fóra da universidade, que importancia ten a súa vinculación coa cultura en Ourense? O festival Rebulir é unha das facetas que o fai coñecido na provincia.

Desde pequeno levo comigo o movemento asociativo e a vinculación a Ourense, porque ao final levo moitos anos en Santiago e é a maneira de estar cerca das raíces. As asociacións axúdanme a estar en contacto con outras realidades. Empezando por Rebulir. Digamos que unha vida axúdame a desconectar da outra.

Te puede interesar