A caravana Vilamor está percorrendo toda Galicia promocionando a última película de Ignacio Vilar. O valdeorrés, xunto ós actores Xoel Yáñez, Rubén Riós e Sabela Arán, desembarcou xa en Ourense.

Os anos 70 son agora mesmo

Os alumnos de Carmelitas atenderon ás explicacións do director e protagonistas do filme Vilamor.  (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Infundidos polo espírito dos protagonistas orixinais da historia de Vilamor (baseada en feitos reais), os que fixeron posible o filme colleron unha caravana -esa na que todos pensamos ó botar a vista cara os anos 70- e puxeron rumbo a cada provincia galega para promocionar unha das produccións con maior orzamento do audiovisual galego (1.700.000 euros).
Pasaron xa por Lugo, A Coruña e Pontevedra cun xeito diferente de dar a coñecer o cinema. A de Ourense, a última, é unha parada especial para varios dos protagonistas da caravana. Agás Sabela Arán, tanto o director da película, Ignacio Vilar, coma os actores Rubén Riós e Xoel Yáñez teñen as súas raigames na provincia. Se ben Vilar e Riós son oriundos das comarcas de Valdeorras e Verín, respectivamente, Yáñez naceu na cidade. Por todo iso, a promoción ourensá é importante para eles.

Onte estiveron en Carmelitas, onde este último estudou 14 anos. Alí interviron, centrándose cada un nun aspecto de Vilamor; dende a explicación de como se fai unha película ata algunhas das anécdotas da rodaxe, pasando pola importancia de que exista un audiovisual en galego. Con esta dinámica, os catro protagonistas da cinta levan dous meses e pasaron xa por máis dun cento de centros educativos galegos, recollendo unha satisfactoria resposta por parte das súas novas audiencias.

Vilamor, que se estreará no Cinebox de Ourense o 17 de maio ás 20.30 horas, conta a historia dunha comuna que xurdiu no concello lugués de Negueira de Muñiz entre os anos 1976 e 1980. A liberdade coa que un grupo de mozos quería vivir alí chocaba coas tradicións dos veciños, recén saídos dunha longa dictadura. No medio de todo isto, Breixo, un seminarista interpretado por Rubén Riós, volta á casa e descobre outro xeito de vivir que o atrapa e cambia a súa visión do mundo.

Agora máis ca nunca, a vixencia do argumento permanece na realidade. Xoel Yáñez, Rubén Riós, Ignacio Vilar e Sabela Arán coincidiron en destacar a actualidade da historia de Vilamor porque, se ben aqueles mozos pedían un cambio no mundo, o mesmo acontece hoxe en día na sociedade. Pero a súa non foi unha presentación estricta, senón que, conscientes da idade do público que tiñan ante eles, defenderon á xente que traballa na cultura e pola cultura representando in situ as dificultades ás que se enfrontaron ó rodar en plena natureza. 'Ó ver o resultado, danme a razón en que tiñamos que filmar alí', apunta Vilar.

Te puede interesar