Arte e amizade nas cartas de Cruzeiro Seixas a López-Barxas

“Faz a posição de novos astros”, e Paco López-Barxas fotografado polo seu irmán Plácido.
photo_camera “Faz a posição de novos astros”, e Paco López-Barxas fotografado polo seu irmán Plácido.


Pintura e vida danse a man nesta recente obra de Paco López-Barxas. Ten sido esta lectura de verán un re descubrimento da arte surrealista, nomeadamente a portuguesa, e da súa significada relevancia entre nós, cun fío que vai dende Artur Manuel Rodrigues do Cruzeiro Seixas (Amadora 1920- Lisboa 2020) até Eugenio F. Granell, amigo común dos dous. A obra deste puidémola gozar en Ourense fai uns anos na sala principal do centro cultural da deputación, o Diario dun soño encontrado. 

Querido Paco Barxas é o cariñoso encabezamento das misivas que en número de oitenta lle escribiu Seixas, algunhas delas mecanoscritas, outras a man, trufadas todas con debuxos, colaxes, serigrafías ou fotografías. Entre esta manchea de imaxinativas imaxes, hainas historiadas, como a que lle tira Paco ao artista diante de Homenaxe á pintura, obra feita con arames e lapis de cores. Dúas obras quero destacar. Nelas o artista e o noso escritor colaboraron facendo colaxes, o que ben sendo nada menos que o canto do cisne do Cadavre exquis, acción-recurso moi querida por surrealistas da talla de Éluard, Breton ou mesmo Tzara. É así como nacen “A luz da nossa noite” na capa do libro, e tamén “Faz a posição de novos astros”, pouco antes de perder a visión, e que realiza dende a foto que tomara Paco nun túnel da autoestrada a Lisboa... Voilà de novo como le cadavre exquis boira le vin nouveau!

As cartas chéganlle dende Lisboa, Estoril ou Vila Nova de Famalicâo, en Portugal, entre 1999 a 2020, uns vinte anos de amizade e opinións arredor da arte, do surrealismo nomeadamente, dos xestores culturais e das súas propias doenzas, que ían en aumento. Por elo o título do texto de X. Antón Castro no prefacio a modo de introdución, 80 cartas de dor e unha canción de despedida, nun paralelismo buscado co famoso libro de Pablo Neruda Vinte poemas de amor e unha canción desesperada. Nela destaca como López-Barxas foi o crítico e analista da súa obra, coleccionista delas e ademais comisario dalgunha das súas exposicións, cun dinamismo de activista cultural, todo elo decorrendo pola fonda amizade que os unía. Así Outras formas de bailar, voar, soñar e deambular, 2001, na Fundación Granell. E con Mário Cesariny de Vasconcelos, Benvidos a Elsinore, un poema deste de 1957, que conclúe, “entre nós e as palabras, os emparedados / e entre nós e as palavras, o nosso dever falar”. E na santiaguesa Casa da Parra, 2010, ámbolos dous, con óleos, debuxos e esculturas, que foi pechada co gallo da visita do Papa polo Ano Santo, coa rexouba de Seixas.

Paco, nacido en Ponte Barxas / Padrenda, Ourense, soubo conectar con Artur dende o seu interese polo surrealismo, do que xurdiu Eugenio Granell o surrealismo felizmente vivo, 2000; No xardín das mandrágoras, 2006 ou Os tesouros na illa de Granellandia, 2021. E Iván Tovar, ao que denominou último mohicano do surrealismo. Matinando estou que para el e todos eles, este estilo artístico é unha forma de liberdade dende o cerne. Este completo e espléndido libro en galego inclúe textos anexos, un deles do propio artista, e as súas cartas orixinais. Como diría Borges, después de todo, ¿qué son las palabras? Las palabras son símbolos para recuerdos compartidos. Velaí.

Te puede interesar