Barbadás adica 100.000 euros a renovar o alumeado en Sobrado

Cambio de luminarias en Sobrado do Bispo.
photo_camera Cambio de luminarias en Sobrado do Bispo.

O Concello de Barbadás investirá 100.000 euros na renovación do alumeado públuco na localidade de Sobrado do Bispo. Os traballos consistirán no cambio de 300 luminarias, que permitirán un aforro de 27.000 euros anuais e de máis de 105.000 quilovatios hora de consumo enerxético. Esta é a segunda parte do proxecto de eficiencia enerxética nas infraestruturas públicas, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, que aportará o 80% dos fondos a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (Idae).

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, explica que “entre os obxectivos do proxecto figuran a minoración do gasto enerxético mediante o emprego de tecnoloxías máis eficientes, a redución da potencia instalada, o axuste dos horarios de aceso e a implementación de sistemas de regulación de consumo en horario de madrugada”. Pola súa banda, a tenente alcalde de Barbadás e concelleira de Servizos Públicos e Urbanismo, Victoria Morenza, indica que “outra das finalidades deste tipo de proxectos é a minoración dos gastos de mantemento mediante o aumento de vida útil das luminarias e a mellora das condicións de confort visual mediante o axuste dos parámetros de iluminación a cada tipo de vial”.

A primeira parte deste proxecto acometeuse hai uns meses e afectou a unha parte da avenida de Celanova, ás rúas Canella, Severo Ochoa, Tomás Rodríguez Punxín, Ensino e Presa e á localidade de Santa Uxía.

Te puede interesar