Barbadás crea unha nova praza de Policía Local

O pleno decidiu levar adiante o proceso malia estar fóra de prazo

O pleno do Concello de Barbadás aprobou onte a creación dunha nova praza de Policía Local. PP e BNG abstivéronse e PSOE e CxB votaron a favor desta proposta que busca aumentar a 7 o número de policías locais. Dende o goberno municipal indican que van seguir adiante con este proceso malia estar fóra de plazo porque “hai máis concellos na nosa situación e non serán tan duros cos prazos”. Precisamente estas dúbidas son as que plantexaron PP e BNG.

A outra moción que se debateu no pleno foi a proposta do PP e versaba sobre a implantación da relación de postos de traballo (RPR) no Concello. O obxectivo dos populares é “procurar unha RPT consecuente coa realidade municipal”. Os acordos que solicitaban eran: a revisión do traballo da empresa que elaborou a RPT, ao considerar que “non se axusta á realidade laboral dos traballadores locais”. A creación dunha comisión para o seguimento da elaboración da relación e a comprobación da viabilidade económica da mesma.

Dende o goberno, Victoria Morenza indicou que se está no punto da negociación coas forzas sindicais para elaborar un documento de consenso e para equiparar salarios e postos para que a administración “sexa máis eficiente”. Morenza reprochou ao PP que “queiran saltarse os tempos e inmiscuirse nun momento no que os representantes dos traballadores deben ser os interlocutores co goberno”. A moción foi rexeitada cos votos en contra do PSOE, BNG e CxB.

Sobre a moción presentada polo BNG para a concreción do proxecto de obras na rotonda da estrada OU-540, o pleno votou unanimemente a favor desta proposta. Sobre o estado do proceso, Victoria Morenza, asegurou que “a Xunta está pendente de respostar”. n

Te puede interesar