CULTURA

Barbadás abrirá o primeiro espazo museístico no concello

O Museo da Gaita de Fol divulgará a historia deste instrumento e pretende servir de motor turístico

O Concello de Barbadás disporá desde mañá do primeiro espazo museístico da localidade, coa inauguración do Museo da Gaita de Fol, un lugar para a divulgación da historia deste senlleiro instrumento, que servirá de "motor turístico" para o municipio, segundo destacou o tenente de alcalde, Xosé Manuel Fírvida. 

No acto de presentación de onte no Liceo, Fírvida estivo acompañado por Paulo Gonçalves, creador intelectual do espazo, e Montse García, a xestora desta nova infraestrutura. "A inauguración do primeiro museo será un día especial e histórico para Barbadás", destacou Fírvida, quen se mostrou satisfeito de que a antiga Casa da Música, onde se albergará este museo, "vai cumprir a función para a que foi deseñada". 

O acto de inauguración será mañá ás 20,00 horas, nas instalacións situadas na rúa A Carreira, número 14, na parroquia de Barbadás.  No evento de apertura haberá  actuacións musicais e petiscos para os asistentes. 

O Museo da Gaita de Fol contará con actividades e visitas programadas, e quen o desexe visitar pola súa conta poderá reservar a data no teléfono do Concello de Barbadás. 

Fírvida destacou que é un museo "en construción", porque aínda está "por encher" con, entre outras cousas, un obradoiro de creación de instrumentos tradicionais.

Paulo Gonçalves: "A gaita de fol ten unha historia moi descoñecida"

Que diferenza este museo doutros que tamén versan sobre a gaita?

En Ourense temos o Museo da Cornamusa, que é obxectual, e que mostra grandes pezas. Pero o obxectivo neste caso non é tanto mostrar só obxectos, senón dar a coñecer a historia do instrumento e da música tradicional e erudita.

Era necesario este espazo?

O motivo é evidente. A gaita de fol é un instrumento que, para ben ou para mal, define o noso país. Só isto xa xustifica a creación dun museo así. 

Coñecemos a orixe da gaita de fol?

É un instrumento tradicional cunha presenza social que é xigantesca, pero cunha historia moi descoñecida. n

Te puede interesar