“Un Camiño imaxinado” converte Cachamuíña nas etapas da Vía da Plata

A exposición está deseñada polos alumnos dos colexios do Pereiro

O encoro de Cachamuíña acolleu este xoves o acto de presentación da iniciativa “Un Camiño imaxinado II”, unha exposición ao aire libre arredor da presa que pretende recrear na perspectiva dos máis pequenos o Camiño de Santiago por unha das súas grandes variantes: a Vía da Plata pola Ruta Mozárabe, dende Sanabria a Santiago de Compostela. A exposición está cofinanciada entre o Concello do Pereiro e a Xunta.

Ao acto asistiron os grupos dos tres colexios do Pereiro -Guillelme Brown, Miraflores e Ben Cho Shey- e o rexedor do municipio, Luis Menor. Durante a presentación, dous cativos de cada centro leron a explicación dos carteis das tres etapas que lles tocou desenvolver. As tres primeiras etapas correspondéronlle ao colexio Miraflores, as tres seguintes ao Ben Cho Shey -coincidindo coas que transcorren pola provincia- e as derradeiras tres ao Guillelme Brown. Unha vez rematada a presentación, os grupos, en compañía do alcalde, percorreron un pequeno tramo da ruta.

Con esta acción procúrase que calquera persoa que non poda coñecer físicamente o percorrido poda facelo de forma próxima, atractiva e amena. Tamén busca fomentar valores transversais de respecto ao medio, conservación do patrimonio, ou diálogo entre culturas e xeracións. Para conseguilo estivo exposta dende o mes de maio ata agora unha mostra deseñada por historiadores, arqueólogos e ambientólogos. Esta nova exposición elaborada polos rapaces vén substituír a realizada polos expertos.

Te puede interesar