Diarios do pasado

As capelas do parque de San Lázaro

Igrexas dos Franciscanos e de San Lázaro, esta hoxe en Peliquín.
photo_camera Igrexas dos Franciscanos e de San Lázaro, esta hoxe en Peliquín.

As primeiras referencias sobre o Campo de San Lázaro remóntanse ao século XII. Falan dos leprosos que se xuntaban xunto á capela e hospital do santo, cerca do parque actual. Dicía Otero Pedrayo que a primeira capela -o “San Lázaro Vello” cun pequeno hospital-, emprazábase aproximadamente no colexio Curros Enríquez e foi demolida no ano 1861. Pero a devoción ao  protector dos leprosos non desaparece e constrúese outra, tamén cun pequeno hospital, no ángulo sueste do parque, cerca da recente escultura do Carrabouxo. O edificio aparece representado no plano de Ourense de Francisco Coello, de mediados do século XIX e desaparece no de Alberto Martín de 1918.

A finais do século XIX edifícase unha capela de San Lázaro, moito máis monumental e proxectada polo arquitecto municipal José Antonio Queralt. Inaugurada en 1897, situábase algo máis a poñente de onde hoxe está a dos Franciscanos, en dirección á Subdelegación do Goberno. Sen embargo a súa presencia aquí foi escasa, uns sesenta anos, porque no ano 1950 o  Concello de Ourense decidiu trasladar o templo. Finalmente o barrio de Peliquín aceptouna. A súa reconstrución tivo lugar durante os anos 1982 y 1983, abríndose ao culto na outra beira do Miño o 12 de novembro dese último ano. Pero sería imperdoable falar deste entorno sen citar a igrexa dos Franciscanos. 

Todos sabemos onde está, o convento de San Francisco, despois cuartel militar e hai pouco estreado como Arquivo Histórico Provincial. Alí estivo dende o século XIV, coa construción da igrexa no ano 1348 e do magnífico claustro erixido entre 1325 e 1350, ata a década de 1830, cando foi abandonado tras os procesos da Desamortización. Pero, como outras veces lles contei, antes formou parte da cidade antiga, na praza do Correxedor. Daquela, mediado o século XIII, erguíase na esquina sueste da praza, cando a zona se chamaba “Barrio Novo” ou “Cimadevila”. Co paso do tempo os frades franciscanos ocuparon dous edificios nesta praza e un deles, despois de case dous séculos, chegou a pertencer ao Correxedor -o representante rexio- da cidade. E alí permaneceron ata o ano 1292, cando os partidarios do bispo Pedro Yáñez de Novoa destruíron o asentamento franciscano. En 1308 o papa Clemente V obrigou ao prelado a reconstruír o convento. Pero o bispo Pedro morre no mesmo ano, e serán os sucesores os que cumpran o mandato papal. Mais pouco sospeitaban os usuarios da nova igrexa gótica, aqueles frades menores que uns anos antes tiveron que fuxir do “Barrio Novo”, que non se erguía un templo para permanecer sempre no lugar. De feito, case seis séculos despois, comeza un novo movemento. En 1928 e 1929 a igrexa de San Francisco foi parcialmente desmantelada para ser trasladada ao “Campo de San Lázaro”, actualmente transformado en parque urbano. Pero no lugar orixinal aínda se conserva boa parte da súa estrutura orixinal. Entre outros elementos, o nártex ou espazo de entrada interior, os muros laterais da nave principal cos seus arcosolios ou receptáculos funerarios. Tamén os muros do cruceiro, así como a cimentación da ábsida. De feito, só se trasladaron algunhas partes significativas, como a ábsida ou o portal. Vexan como a existencia das tres caplelas ou igrexas, non deixa de ser o efecto duns movementos urbanos moi dinámicos.

Te puede interesar